- A xornada de convivencia conmemorou o Día Internacional da Discapacidade
- Os usuarios continúan mañá coas actividades lúdicas e didácticas cunha saída a Caldas de Reis
Valga, 3 de decembro de 2017.
O Centro Ocupacional para persoas con discapacidade de Valga celebrou hoxe o Día das Familias con actividades culturais e lúdicas nas que participaron tanto os usuarios como os seus achegados. A xornada de convivencia foi organizada con motivo do Día Internacional da Discapacidade, que se conmemora hoxe, 3 de decembro.
As actividades comezaron cunha recepción e un percorrido polas dúas exposicións de traballos feitos polos usuarios: unha de pintura, titulada “Capacidades”, e outra con cadernos e álbums de fotos que realizaron e decoraron durante un curso de iniciación ao scrapbooking. A mañá continou coa proxección do vídeo “Outras ilusións”, no que os usuarios revelaron dos seus desexos e. Ir de compras, pasear, colaborar con Protección Civil, o teatro, ir á perruquería ou retomar os estudos son algunhas das ilusións dos usuarios ao marxe do día a día no CODI.
Logo dun almorzo, todos os participantes escoitaron a emisión en Radio Valga dun manifesto a prol da plena inclusión das persoas con discapacidade que foi lido por un dos usuarios do centro: “Necesitamos sentirnos dentro da sociedade, sen límites nin barreiras, acadar a plena igualdade de oportunidades. Temos ilusións e necesitamos que se nos respecte e axude para que se fagan redalidade”. Tamén se proxectou un vídeo dunha das sesións de musicoterapia nas que participan semanalmente os usuarios e que imparte Antonio Bravo, mestre da Escola Municipal de Música.
A esta xornada de convivencia entre os usuarios e as súas familias asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, a tenente alcalde Carmen Gómez e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro. Un dos momentos máis emotivos viviuse durante a homenaxe a unha muller valguesa coidadora de persoas con discapacidade, Amelia Ferreirós Gil, “unha muller entregada ao coidado as 24 horas do día, un exemplo para todos porque sempre normalizou a discapacidade dos seus fillos”, destacou a concelleira Begoña Piñeiro.
As actividades con motivo do Día Internacional da Discapacidade continúan durante toda a semana. Mañá, os usuarios do CODI desprazaranse ata Caldas de Reis para asistir a unha sesión de cine e o mércores gozarán dunha xornada lúdica nun balneario. A programación pecharase o venres cunha sesión de musicoterapia e un obradoiro de cociña.