Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O presuposto municipal reserva 2’3 millóns para servizos sociais e destina 1.266.415 euros a inversións

 - O grupo de goberno aprobou en solitario a modificación puntual nº3 do PXOM, que beneficia ao empresariado de Valga

plenoorzamentos1

Valga, 1 de decembro de 2018.

 O Concello de Valga contará cun orzamento de 5.451.307 euros no vindeiro ano 2019. O presuposto foi aprobado onte no Pleno, recibindo nove votos a favor do grupo de goberno e dous en contra do grupo socialista.

O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, salientou que “son uns orzamentos feitos para a xente de Valga” e que “cumpren co obxectivo de estabilidade e a regra de gasto”. Referiuse a catro grandes apartados: os servizos sociais, aos que se destinan 2’3 millóns de euros; os servizos básicos, que suman 1’7 millóns de euros; inversións por valor de 1’2 millóns; e actuacións de carácter económico e xeral que supoñen tamén 1’2 millóns.

O anexo de inversións, que suma 1.266.415 euros, recolle partidas para a dotación e ampliación de servizos básicos. En concreto, mellora de viais e camiños, saneamento e adquisición de novos contenedores para o servizo de recollida de lixo. Tamén se contemplan medidas de aforro enerxétido e melloras no alumeado público, actuacións de mantemento en parques, xardíns e espazos naturais e en mobiliario urbano.

No tocante ao Patrimonio, prevense inversións no Centro de Interpretación da Caña do País e en equipamento para o Museo da Historia e outros recintos culturais. No apartado de Cultura resérvanse partidas por valor de 160.000 euros para a xestión da Escola Municipal de Música e de 100.000 euros para actividades de promoción cultural.

O presuposto reserva un total de 413.000 euros para investimentos en Educación, con partidas para as axudas municipais para a adquisición de material escolar e transporte, a financiación de actividades de conciliación e reforzo educativo e 164.000 euros para a Escola Infantil Municipal.

No tocante aos Servizos Sociais e Igualdade, o orzamento inclúe partidas por valor de 626.000 euros: 310.000 para a prestación do servizo de axuda a domicilio a persoas dependentes; 100.000 euros para o CODI, 52.000 euros para o Centro de Información á Muller, entre outras.

Por último, ao fomento do emprego o Concello destinará en 2019 máis de 600.000 euros. Continúase coas subvencións á contratación de parados do municipio, unha iniciativa de loita contra o desemprego que está a dar froitos. Neste sentido, o concelleiro Souto destacou que o número de parados en Valga baixou de 603 no ano 2015 a 350 en 2018. Outras partidas vencelladas ao emprego destinaranse á contratación de bolseiros por parte da administración local, a cursos e actividades formativas ou ao Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III, que está a formar a vinte persoas desempregadas nas especialidades de albanelería e acondicionamento forestal.

O alcalde, José María Bello Maneiro, resaltou que o orzamento mantén sen cambios o cadro de persoal actual e reserva fondos suficientes para unha eventual subida do salario dos funcionarios e do persoal laboral que poida ser aprobada polo Goberno Central.

O outro punto da orde do día, a aprobación inicial da modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tamén foi aprobado só cos votos favorables do grupo de goberno. Esta modificación “beneficia a todo o empresariado de Valga”, explicou o alcalde, xa que se actualizan aspectos concretos da regulación de usos, parcelamentos, cómputo da edificabilidade e condicións de edificacións e, ademais, aclararase a interpretación de determinados aspectos da actual normativa urbanística.

Obras de saneamento no Plan Concellos

Trala sesión extraordinaria celebrouse un segundo Pleno urxente cun único punto na orde do día: a inclusión no Plan Concellos do proxecto “Saneamento no Concello de Valga”, por valor de 509.569 euros e que inclúe actuacións de ampliación e mellora da rede municipal de alcantarillado en lugares como Balleas, Outeiriño, Carballiño, Chenlo, Raxoi, Bronllo, Cernadas ou Vilar. Tamén contempla a instalación de dúas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) nas Cernadas e en Raxoi e un bombeo no Carballiño.

O asunto foi aprobado por unanimidade.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver