- A mostra, en homenaxe ao artista valgués, inaugurouse onte pola tarde
- Pode verse na sala de exposicións municipal ata o vindeiro 31 de decembro
Valga, 1 de decembro de 2018.
A sala de exposicións do Auditorio Municipal acolle ata finais de decembro a mostra “Retallos de vida”, con obras de Pepe Potel. Trátase dunha homenaxe póstuma ao artista valgués, falecido en agosto e que nos últimos anos acostumaba a expoñer a súa obra no Auditorio durante o mes de Nadal.
A mostra, promovida pola asociación Adeval e pola familia de Potel, recolle unha vintena de cadros. “A meirande parte son costumistas, aínda que tamén hai algo de figuración, e reflexan as cousas que a el lle inspiraban”, explica Ángeles Garrido, compañeira de taller de Potel.
Unha parte son obras inéditas, pintadas polo artista na súa última etapa e que ían a formar parte da exposición que estaba a preparar para o Auditorio. Completan a mostra outra serie de cadros que xa formaran parte doutros proxectos do artista.
“Retallos de vida” foi inaugurada na tarde de onte cun acto que foi amenizado polo Coro da Escola Municipal de Música.