- O proxecto, contratado por 71.267 euros, finánciase cunha aportación da Xunta de Galicia
- Executaranse traballos de fontanería, electricidade e pavimentación e tamén se colocará mobiliario e o equipamento
Valga, 30 de novembro 2018.
A empresa José Luis Magariños Pardal está a executar a última fase das obras e o subministro de equipamento para o Centro de Interpretación da Caña do País. Esta semana o alcalde, José María Bello Maneiro, e un representante da empresa asinaron o contrato e nos últimos días deron comezo os traballos.
O proxecto, adxudicado por un importe de 71.267 euros, consistirá na execución de obras complementarias de fontanería, electricidade, pavimentación, ventilación e protección contra incendios. Tamén se dotarán de mobiliario e equipamento as dúas salas do Centro, a sala de mostras e catas e a de destilación tradicional e elaboración de licores. Nelas intalarase diverso mobiliario, así como alambiques de cobre, tinallas e outros obxectos relacionados coa produción da augardente.
As obras do Centro de Interpretación da Caña comezaron a finais do ano pasado coa reconstrución dunha antiga edificación de pedra emprazada no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi adquirida polo Concello e se atopaba en estado ruinoso. Na pasada primavera acometeuse a segunda fase, que incluíu traballos de acondicionamento no exterior do edificio. Esta terceira e última fase permitirá poñer a punto as novas instalacións de cara a súa entrada en funcionamento.
Este novo recurso turístico do que disporá Valga amosará aos visitantes o legado cultural e histórico de todos os elementos que xiran en torno á caña do país e a súa produción. Contará con paneis divulgativos, material informático e audiovisual, entre outros recursos expositivos. Os contidos organizaranse seguindo diferentes criterios como o cronolóxico, a importancia ou o nivel de interacción cos visitantes.
A actuación finánciase a través dun convenio coa Xunta de Galicia.