- O Centro celebra o luns o Día das Familias e fará unha homenaxe a unha muller coidadora
- Os usuarios participarán en saídas didácticas, sesións de musicoterapia e un obradoiro de cociña
Valga, 29 de novembro de 2017.
O Centro Ocupacional para persoas con discapacidade (CODI) celebra durante a vindeira semana o Día Internacional da Discapacidade, que se conmemora o luns, 3 de decembro.
A programación arranca precisamente o luns co Día das Familias, ao que están invitados os familiares de todos os usuarios do centro. A festa comezará cunha recepción e coa inauguración de dúas exposicións de traballos feitos polos propios usuarios: unha de pintura, titulada “Capacidades”, e outra con cadernos e álbums de fotos que realizaron e decoraron durante un curso de iniciación ao scrapbooking.
A xornada continuará cunha sesión de musicoterapia e coa proxección do vídeo “Outras ilusións”, no que os usuarios falan dos seus desexos e soños ao marxe do día a día no CODI. Farase tamén unha homenaxe a unha muller coidadora e darase lectura a un manifesto. Este texto reivindicativo da plena inclusión das persoas con discapacidade tamén se poderá escoitar en Radio Valga, que emitirá ademais música en defensa dos dereitos das persoas con capacidades diferentes.
A semana de actividades continuará o martes cunha saída didáctica e o mércores cunha xornada lúdica nun balneario. A programación pecharase o venres 7 cunha sesión de musicoterapia e un obradoiro de cociña.