- A Consellería de Cultura subvencionou a adquisición de mobiliario e de equipos informáticos e audiovisuais
- A sala de préstamos e lectura habilitarase provisionalmente na planta baixa
Valga, 29 de setembro de 2018.
A nova biblioteca municipal de Valga, que se está a habilitar no edificio de usos administrativos, conta xa con equipamento, que foi colocado nas últimas datas pola empresa Sólida Soluciones Integrales. Instalouse mobiliario e tamén equipos informáticos e audiovisuais que se financiaron cunha subvención de 34.491,90 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A nova biblioteca municipal contará cunha superficie de máis de 150 metros cadrados, o que permitirá aumentar os fondos bibliográficos e recibir a un maior número de usuarios.
Provisionalmente estase a habilitar na planta baixa do edificio administrativo unha sala cos volumes máis demandados que funcionará para préstamos e tamén como sala de lectura e estudo, reservándose o espazo no primeiro piso á almacenaxe e ao depósito de libros. Cando remate o acondicionamento do inmoble, a biblioteca funcionará na primeira planta.
O edificio administrativo, unha antiga escola en proceso de rehabilitación, xa albergou anteriormente a biblioteca municipal. Debido ás obras, o centro de lectura tivo que ser trasladado de maneira provisional á Casa da Cultura de Valga.