Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A inauguración terá lugar ás 17:30 e a apertura ao público, a partir das 18 horas

- Á estrea asistirá a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

montbelen2

Valga, 28 de novembro de 2018.

A asociación Amigos do Belén apura os traballos de montaxe para inaugurar este domingo, 2 de decembro, o Belén Artesanal en Movemento, unha das composicións máis afamadas de Galicia e de España e que atrae cada ano a milleiros de visitantes, destacando como un dos seus principais atractivos turísticos de Valga. A inauguración está prevista para as 17:30 horas e contará coa asistencia da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. A apertura ao público terá lugar a partir das 18 horas.

O Belén Artesanal en Movemento, declarado dende 2013 de Interese Turístico de Galicia, conta cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados e superará este ano as 4.600 figuras, das que arredor de 200 serán novas, feitas con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. Incorpóranse tamén novas edificacións, construídas con estrutura de madeira e algunhas recubertas de pedra. E, por suposto, novas escenas vencelladas á actualidade local e mundial que recollan boa parte dos acontecementos que marcaron este ano.

Nesta edición a remodelación do Belén será máis notable que en anos anteriores, unha renovación integral. E, ademais, haberá novidades nos exteriores do local da Rúa Nova, onde se están a acometer tarefas de acondicionamento do entorno e melloras estéticas no xardín.

O Belén de Valga mantén como o seu gran actractivo a conxugación de esceas propias das festas de Nadal, como o nacemento do Neno ou a adoración dos Reis Magos, con tradicións locais e mostras da cultura popular do rural de Galicia como a matanza ou a sega e malla do trigo. A isto engádense figuras ilustres como Rosalía de Castro ou Xesús Ferro Couselo, personaxes famosos e a recreación de acontecementos de ámbito nacional e internacional que fan deste un Belén único. E todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas das figuras e escenas de movemento.

O nacemento permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o segundo domingo de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17: a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través dos números de teléfono 986 55 94 56 e 630 95 25 15.

No último Nadal foron arredor de 42.000 as persoas que acudiron a ver o nacemento.

montbelen1 montbelen2

montbelen3 montbelen4

montbelen5 montbelen6

montbelen7 montbelen8

inauguracion belen

Volver