Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A agrupación Camerata Valguesa, dirixida por Manuel Villar Touceda, actuou na noite do sábado

- “Miña casiña, meu lar”, con Ana Hermida, abordou a situación das mulleres maltratadas

lisistrata1

Valga, 26 de novembro 2018.

As actividades conmemorativas do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, concentráronse durante a fin de semana no Auditorio Municipal, onde tiveron lugar un concerto e unha sesión de monólogos.

Na noite do sábado a proposta “Música contra a violencia” tivo como protagonista á agrupación Camerata Valguesa, dirixida por Manuel Villar Touceda. No transcurso da actuación, as nenas Lucía Rey e Rosalía Muíños deron lectura a un manifesto contra a violencia machista e, ademais, repartiron lazos de cor violeta entre o público asistente.

A música deu paso, o domingo pola tarde, á sesión de monólogos “Miña casiña, meu lar”, a cargo de Ana Hermida de Lisístrata, quen abordou, dende unha perspectiva humorística, a realidade da muller no seu fogar e a crúa situación das vítimas de maltrato, tanto físico, como verbal ou psíquico. A soidade dunha muller pechada todo o día na súa casa, a violenta relación á que a somete o seu marido e que ela acepta como normal ou a dobre explotación da muller, tanto no traballo como no fogar, foron algúns dos asuntos que centraron a sesión.

Ademais, durante a fin de semana estreouse o flashmob "O ruxido", promovido polo Concello e no que participaron distintos departamentos municipais e entidades valguesas. Pode verse no seguinte enlace: https://youtube.com/watch?v=Y7MTiWPFEI0

 

Contacontos “Unha feliz catástrofe”

As actividades de sensibilización cidadá e prevención da violencia machista promovidas polo Concello con motivo do 25N rematan o vindeiro xoves, día 29, co Contacontos pola Igualdade “Unha feliz catástrofe”, sobre a participación de toda a familia nos traballos domésticos. É organizado polas bibliotecas municipais e terá lugar a partir das 17:30 horas na biblioteca de Cordeiro con entrada de balde para todos os nenos que queiran asistir.

lisistrata2 lisistrata3

camerata1

Volver