Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Pleno aprobou solicitar a Fomento a eliminación dos puntos negros da N-550 e a creación dunha rotonda nas Cernadas

- A Corporación gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista

plenodic2017

Valga, 23 de novembro de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, anunciou durante o Pleno ordinario celebrado onte que o Concello porá en marcha un expediente administrativo para nomear Fillo Predilecto de Valga ao artista Pepe Potel.

Na sesión debatiuse unha moción do grupo socialista instando, precisamente, o nomeamento de Potel como Fillo Predilecto e que a sala de exposicións do Auditorio pase a chamarse “Sala de exposicións Pepe Potel”, pero a proposta non puido ser aprobada xa que, como explicou o alcalde, “non é legal”. O Regulamento Municipal de Honras e Distincións esixía que a proposta estivera asinada, cando menos, pola metada da Corporación e só o estaba por unha concelleira.

Aínda así, Bello Maneiro recalcou que “este goberno comparte a opinión de que Pepe Potel debe ser nomeado Fillo Predilecto e comparte tamén o contido da moción”, polo que anunciou a próxima apertura dun expediente para a concesión desta honra a título póstumo. Tamén confirmou que a sala de exposicións do Auditorio Municipal será bautizada co nome do pintor.

O rexedor lembrou que Potel, falecido o pasado mes de agosto, “traballou arreo xunto a este goberno en proxectos que foron beneficiosos para Valga e para os valgueses”. Por citar só algúns, xogou un papel fundamental na posta en marcha da escola de pintura e tamén nos traballos de investigación previos ás excavacións arqueolóxicas no xacemento Mercado dos Mouros.

Mellora da seguridade vial na estrada N-550

O Pleno aprobou, ademais, por unanimidade unha proposta do grupo de goberno para a eliminación dos puntos negros na estrada N-550 ao seu paso por Valga. O Concello solicitará ao Ministerio de Fomento a construción dunha rotonda no punto quilométrico 91, nas Cernadas, onde a comezos de outubro se produciu un accidente no que faleceu unha veciña. Con ela son xa tres os mortos neste memo lugar nos últimos anos. O pasado 17 de outubro o Concello xa se puxo en contacto por escrito co Ministerio para plantexarlle a necesidade de construción desta rotonda.

Tamén se reclamará a Fomento unha avaliación dos demais puntos negros da estrada N-550 en Valga para que se adopten as medidas de seguridade vial precisas para eliminalos.

O alcalde explicou que “hai xestións moi avanzadas en Madrid” para dotar a esta estrada de pasos de cebra e dunha senda peonil entre Ponte Valga e A Medela. E tamén lembrou que está xa aprobado e con todos os trámites superados o proxecto de mellora da intersección existente no punto quilométrico 89’400 á altura do Pino. “Tiñamos o compromiso do goberno central de que esta obra se licitaría antes de rematar o ano 2018 e esperamos que o cumpran”.

O concelleiro de Obras, Román Castro, deu conta da situación doutros proxectos de mellora da seguridade vial que o Concello está a xestionar con outras administración. Na zona do Auditorio, na PO-190 en Ferreirós, a Xunta de Galicia ten xa redactado o proxecto para a instalación de pasos de peóns elevados, a mellora das beirarrúas e dos servizos. E, segundo explicou, a Deputación comprometeuse tamén a dotar de badéns reductores de velocidade á EP-8503 Cordeiro-Senín así como a outras estradas provinciais que discorren polo municipio.

Outra das mocións debatidas na sesión plenaria de onte estivo relacionada co 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. Os dous puntos que inclúe a proposta do grupo de goberno foron aprobados por unanimidade. Por unha parte, instar ao Goberno do Estado a incrementar os fondos asignados aos concellos para programas dirixidos á erradicación da violencia machista. Sobre isto, a concelleira de Igualdade explicou que, segundo o Real Decreto 9/2018 de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao Concello de Valga correspóndelle a cantidade fixa de tan só 689 euros máis outra variable de 0,18 euros por habitante que, para este 2018, sumarían un total de 1.766,48. Como segundo punto da moción aprobouse instar á Xunta de Galicia a aumentar os orzamentos destinados aos Concellos para a loita contra a violencia machista.

A Corporación gardou un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas e a concelleira de Igualdade deu lectura a unha declaración na que remarcou que “o compromiso pola igualdade e a loita contra a violencia machista, a protección das vítimas e a persecución dos maltratadores, debe ser unha prioridade para as administración e un reto para a toda a sociedade”. Begoña Piñeiro quixo lembrar a unha valguesa que sufriu as consecuencias da violencia machista hai máis dun século: Agustina Otero. “A Bella Otero sufriu unha dobre discriminación: naceu pobre e naceu muller. E padeceu na infancia a peor vulneración de dereitos que pode sufrir unha muller. Foi violada, algo que a marcou para sempre. Foi estigmatizada, rexeitada e fuxiu”. A concelleira, ademais de lembrala, anunciou que o vindeiro 16 de decembro, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento, o Concello celebrará diversos actos en recordo da Bella Otero.

Volver