Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Nas catro ocasións que visitou o municipio en 2018, a unidade móbil reuniu 242 doazóns,

- O municipio acadou en 2017 unha taxa de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes, dentro do recomendado pola Organización Mundial da Saúde

doazónxullo1

Valga, 21 de novembro de 2018.

A unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de Sanidade, que durante a xornada de onte se desprazou a Valga dentro da súa campaña “Súmate, doa sangue”, acadou no municipio un total de 71 doazóns. Todas elas se corresponderon con doadores habituais, sen que se rexistrara ningunha alta nova.

Esta foi a segunda campaña do ano con maior participación. Durante 2018 foron catro as ocasións nas que o autobús da Axencia Galega do Sangue estivo en Valga. As anteriores tiveron lugar en xaneiro (40 doazóns), en maio (74) e xullo (57). En total, durante todo o ano, as unidades móbiles do Sergas xuntaron 242 doazóns, exactamente as mesmas que en 2017 cando Valga acadou unha taxa de 40 doazóns por cada mil habitantes, dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Tanto a Axencia Galega do Sangue como o Concello de Valga agradecen aos doantes a súa solidariedade, xa que axuda a salvar vidas. Estas campañas tratan de sensibilizar sobre a importancia deste acto altruísta para para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos.

Neste sentido, hai que ter presente que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.

Volver