- Os alimentos e os produtos de hixiene poden entregarse no Auditorio Municipal ata o día 30 de novembro
- Todo o recadado entregarase a Cáritas para axudar a familias desfavorecidas
Valga, 20 de novembro de 2018.
O mercado solidario “Troca arte por alimentos”, que promove o Centro de Día de Valga coa colaboración do Concello, dá comezo á fase de intercambios. Dende hoxe e ata o vindeiro 30 de novembro, todas as persoas que queiran participar nesta iniciativa benéfica poden entregar no Auditorio os alimentos e os produtos de hixiene que van a trocar polos obxectos que forman parte da exposición. Todo o recadado entregarase a Cáritas para axudar a familias sen recursos.
Unha ducia de artistas e asociacións participan nesta quinta edición do mercado. Son, ademais dos usuarios do Centro de Día, os colectivos Asdivalu, Palilleiras “A Bella Otero”, Mulleres Rurais “Albor”, a asociación xuvenil “A Eira, Aurea Garabán, Marina Frederico, Carmen Miguéns, Elena Vidal, Esther Potel e Ángeles Garrido. Coas aportacións de todos eles configurouse un mercadiño que inclúe cadros, obxectos decorativos, babeiros, abanicos e outros labores artesanais.
Estes obxectos, que poden verse na sala de exposición do Auditorio, saen á venda por un prezo en alimentos e produtos de primeira necesidade polos que se poden intercambiar: leite, aceite de oliva e de xirasol, cereais e galletas de almorzo, cacao e café soluble, iogures pasteurizados que non precisen conservarse frío, crema de cacao, alimentos precociñados non refrixerados (fabada en lata, albóndigas, callos…), crema de verduras en bricks, azucre, marmelada, xel de ducha, champú, desodorante, cepillos e pasta de dentes, compresas femininas e pañais infantís.
Ademais, tamén se aceptan doazóns de produtos de forma desinteresada, é dicir, sen necesidade de intercambialos por ningún artigo.