- O grupo folk conquistou a un Auditorio ateigado cun repertorio no que repasou toda a súa traxectoria
- O pasado mes de outubro a formación de Catoira cumpriu corenta anos
Valga, 19 de novembro de 2018.
O folk de Milladoiro conquistou na tarde noite do sábado ao público valgués que se deu cita no Auditorio Municipal. Centos de espectadores asistiron ao agardado concerto no que o Milladoiro presentou o seu último traballo discográfico, “Atlántico”, e que contou, ademais, co aliciente de ver sobre o escenario ao valgués Manu Conde.
Os seus compañeiros de grupo, Nando Casal, Xosé Ferreirós, Moncho García, Harry C. e Manu Riveiro, converteron o concerto en Cordeiro nunha homenaxe a Conde, veciño desta parroquia, destacando, por exemplo, o seu papel como compositor e produtor do disco “Atlántico”, o primeiro álbum de estudo que publican en dez anos.
Durante máis de hora e media Milladoiro ofreceu un repertorio formado por unha vintena de temas cos que realizou un percorrido por toda a súa traxectoria, dende os seus comezos con “Tecendo o liño” hai catro décadas, pasando polas súas composicións para o cine e incluíndo, como non, moitos dos novos temas de “Atlántico”.
Considerado pioneiro na recuperación da música folk e o grupo galego con maior prestixio a nivel internacional, Milladoiro vén de curmprir no pasado mes de outubro 40 anos de traxectoria. Con motivo desta efeméride, nos últimos meses estiveron inmersos nunha xira que os levou a actuar por toda Galicia e boa parte de España e que tivo unha das súas últimas citas o sábado en Valga.
O concerto enmarcouse no programa provincial Musigal.