- Terá lugar o 3 de decembro ás 12 horas e diríxese a persoas a partir de 16 anos de idade
- As inscricións poden realizarse chamando aos teléfonos 986 559 456 ou 986 555 769
Valga, 19 de novembro de 2018.
A Aula CeMIT de Valga, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, retransmitirá por videoconferencia a charla informativa “Telefonía móbil: contratación, facturación e reclamacións”. Será o vindeiro 3 de decembro ás 12 do mediodía e a sesión terá unha duración aproximada de hora e media.
Esta conferencia está orientada a todos os públicos (a partir de 16 anos de idade) ao tratar un tema que afecta en gran medida a toda a poboación en calidade de consumidores habituais de servizos de telefonía.
Falarase dos principais conceptos que deben coñecerse á hora de contratar servizos de telefonía móbil: tipos de tarifas, con especial referencia aos denominados “servizos empaquetados”, permanencia, roaming, portabilidade, etc. Tamén se afondará nos diferentes servizos ofertados polas compañías de telecomunicacións (internet, fusión…) e os dereitos que os consumidores teñen ante esta situación. No transcurso da charla analizaranse, así mesmo, as principais reclamacións en materia de telefonía móbil e como realizar un uso responsable desde tipo de servizos.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente chamando aos números de teléfono 986 559 456 ou 986 556 769. As prazas son limitadas.
A Aula CeMiT, que se atopa no Auditorio Municipal, tamén ten aberta a inscrición nun curso sobre o uso da tableta e dirixido, principalmente, a persoas maiores.
A actividade está orientada a introducir ás persoas maiores no uso básico destes dispositivos e de amosarlles tamén as múltiples vantaxes e posibilidades que se lles abren aproveitando estas tecnoloxías que combinan unha gran portabilidade e accesibilidade desde calquera sitio e lugar.
Impartirase entre os días 26 de novembro e 5 de decembro.