Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Se algún veciño percibiu algunha situación sospeitosa nos últimos días pode chamar ao Concello ou a Protección Civil para informar

- A variada fauna avícola e as especies arbóreas e vexetais fan deste lago artificial un ecosistema de gran valor

cisnesweb

Valga, 14 de novembro 2018.

A lagoa Mina Mercedes vén de sufrir o roubo dun dos dous exemplares de cisne branco que habitaban neste espazo natural. A desaparición do animal detectouse hai unhas xornadas por voluntarios de Protección Civil que a diario acoden a alimentar tanto aos cisnes como ás demais especies avícolas deste lago.

Non é a primeira vez que se producen este tipo de roubos na Mina Mercedes, na que chegaron a convivir cinco exemplares de cisne que, na última época, quedaron reducidos a dous precisamente debido a roubos e outras situacións como ataques de cans soltos e outros depredadores. Nalgunhas ocasións os ladróns nin sequera agardaron a que naceran as crías de cisne, senón que roubaron directamente os ovos.

Neste último caso está descartado que o cisne desaparecido fose atacado por algún animal xa que, despois de inspeccionar a zona, non se localizou nin o cadáver nin se detectou ningún resto de sangue nin da plumaxe da ave que apunte nesa dirección.

Todo fai indicar o exemplar foi roubado polo que o Concello, que lamenta o feito con impotencia, presentará a correspondente denuncia no posto da Garda Civil. Apélase, ademais, á colaboración cidadá en busca dalgún dato que permita esclarecer o sucedido. Se algún veciño ou usuario desta área de ocio viu ultimamente algún movemento estraño pode chamar ao Concello (986 55 94 56) ou a Protección Civil (630 95 25 25) para informar. Solicítase tamén á veciñanza que permaneza atenta a calquera situación sospeitosa que poida producirse para evitar que o último cisne que queda na lagoa corra a mesma sorte.

A Mina Mercedes, no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra. Conta cun paseo circundante de case 900 metros de lonxitude con arborado, iluminación, áreas de lecer e miradoiros e protexido pola varanda de madeira que agora se está a reparar.

Este espazo conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat establécese de maneira temporal ou permanente unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos, gansos e cisnes.

A lagoa converteuse, ademais, nun couto de pesca sen morte no que se captura como especie principal a troita arco da vella.

Volver