- Carteis e dípticos advirten das consecuencias do consumo desta droga
- Os profesionais da unidade ofrecen asesoramento sobre esta adicción
Valga, 13 de novembro de 2018.
O programa de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas que o Concello de Valga comparte con Dodro, Padrón e Rois ten en marcha a campaña “Por unha vida libre de alcohol”, promovida con motivo do Día Mundial sen alcohol que se conmemora o xoves, 15 de novembro.
A unidade de prevención levou a cabo nas últimas xornadas un reparto de carteis e dípticos advertindo sobre os riscos e consecuencias do consumo desta droga depresora do sistema nervioso central, que afecta á capacidade de autocontrol e xera dependencia.
O consumo de alcohol é un factor causal en máis de duascentas enfermedades e trastornos como hipertensión arterial, disfuncións sexuais, cancro, depresión, cirrose hepática, demencia ou últcera gastroduodenal, entre outras. Estímase que o 25% das defuncións de persoas de entre 20 e 39 anos son atribuibles ao consumo de alcohol.
Esta droga xera unha carga sanitaria, social e económica considerable. E non só prexudica aos consumidores, senón tamén a outras persoas: familiares, amigos ou compañeiros de traballo, por exemplo. Hai que ter en conta que se recomenda o “consumo cero” entre colectivos como menores de 18 anos, mulleres embarazadas ou en período de lactancia ou persoas que estean a tomar medicamentos.
O obxectivo desta campaña é previr o abuso do alcohol, evitar que os máis mozos se inicien no seu consumo e axudar aos dependentes a rachar co adicción. Neste sentido, o Programa de Prevención das Drogodependencias ofrece asesoramento ás persoas que o precisen. O teléfono ao que poden chamar é o 981 80 24 66.