- Distintos departamentos municipais e entidades participan na gravación dun “flashmob” sobre igualdade
- Haberá contacontos, obradoiros, representacións teatrais e música contra a violencia
Valga, 13 de novembro 2018.
A Concellería de Igualdade de Valga impulsa unha campaña de sensibilización cidadá e prevención da violencia machista que se desenvolverá durante este mes de novembro con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se conmemora o vindeiro día 25.
A campaña consta de dúas vertentes. A primeira, consistente na gravación dun “flashmob” sobre igualdade no que están a participar distintos departamentos municipais e entidades valguesas. Traballadores municipais, a Escola Infantil Municipal, persoal e usuarios do CODI, os colexios de Baño e Ferro Couselo, o IES, Protección Civil, os rapaces da escola municipal de patinaxe, a asociación Axentiva, as escolas de música e baile e usuarios do ximnasio municipal, entre outros, están a participar nas gravacións do vídeo titulado “O Ruxido”.
Esta iniciativa estase a levar a cabo coa colaboración da Deputación Provincial, ao igual que outras tres actividades de carácter cultural que terán lugar no Auditorio. O vindeiro domingo, día 18, ás 18 horas Cris de Caldas protagonizará o contacontos “Rosa non é unha cor”, dirixido a nenos a partir de 4 anos e público famliiar. A entrada é de balde e incluirá un obradoiro de manualidades para reforzar os conceptos e valores sobre igualdade tratados na sesión oral.
O venres 23 a compañía Xoré Teatro representará tamén no Auditorio “Pementeiras”, un proxecto pedagóxico teatral que ten como obxectivo potenciar a igualdade a través do empoderamento feminino. Será pola mañá coa asistencia de alumnado dos centros educativos de Valga. E o domingo, 25, Día Internacional contra a violencia de xéneros os monólogos “Miña casiña, meu lar”, reflexionarán dende un punto de vista humorístico sobre a crúa situación das mulleres maltratadas. O público pode asistir de balde a partir das 18:30 horas.
Ademais, a campaña de sensibilización organizada polo departamento de Igualdade inclúe outra serie de actividades como a exposición fotográfica “Sensacións”, que a vindeira semana poderá verse no CODI e que amosa a perspectiva de persoas discapacitadas sobre a violencia de xénero. O vindeiro xoves, día 22, plantarase tamén no CODI a árbore dos desexos en homenaxe e lembranza de todas as vítimas da violencia machista e no Auditorio divulgaranse mensaxes praa a eliminación da violencia contra a muller.
O venres 23 as profesionais do CIM, a abogada Ángela Fernández e a psicóloga Marcela Santorum, participarán en Radio Valga nunha charla coloquio sobre as novidades do Pacto de Estado sobre violencia de xénero. E ao día seguinte, o sábado 24, a agrupación Camerata Valguesa ofrecerá no Auditorio o concertó “Música contra a violencia de xénero”. Comezará ás 21 horas con entrada de balde para o público.
As actividades pecharanse o xoves 29 de novembro co contacontos pola igualdade “Unha feliz catástrofe”, sobre a participación de toda a familia nos traballos domésticos. É organizado polas bibliotecas municipais e terá lugar a partir das 17:30 horas na biblioteca de Cordeiro.