Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O centro recadou durante o mes de outubro 244 euros cun mercadiño benéfico

- O alcalde ofreceu ao colectivo a colaboración do Concello e instalacións municipais para promover actividades

aecc2

Valga, 9 de novembro 2018.

A Escola Infantil Municipal recadou durante o mes de outubro 244 euros para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) a través dunha campaña de venda de artigos aportados por este colectivo. Paraugas, pulseiras, panos, mochilas, gafas de sol, gorras e outros obxectos formaron parte do mercadiño co que a dirección da escola quixo contribuír á loita contra esta enfermidade e apoiar ás persoas que a padecen.

Para agradecer a colaboración, este mediodía Teresa Gómez, coordinadora de xuntas locais da delegación de Pontevedra da AECC, achegouse á Escola Municipal para entregar á dirección un diploma en recoñecemento pola súa contribución. No acto participaron a directora do centro, Aurora Díaz, e Belén Tarrío, membro do equipo docente. Ambas foron as encargadas de coordinar o mercadiño solidario.

Asistiu en representación do Concello o alcalde, José María Bello Maneiro, que louvou a iniciativa da Escola Infantil e o traballo diario que realiza a Asociación Española Contra o Cancro. Ademais, propuxo a Teresa Gómez coordinar e organizar conxuntamente coa Concellería de Benestar Social novas actividades solidarias, informativas ou divulgativas e ofreceulle as instalacións municipais para elo.

Cos fondos que recada, a AECC ofrece unha serie de servizos gratuítos a enfermos de cancro e ás súas familias. Presta atención psicolóxica a doentes e familiares, xestiónalles axudas, conta con bancos de préstamo de perrucas, de alimentos e de material ortopédico (camas, grúas, sillas de rodas, andadores, etc.). O colectivo tamén presta atención psicosocial a enfermos avanzados, conta cun equipo de psicólogos e traballadores sociais que realizan traballo domiciliario, voluntariado que acompaña aos doentes tanto nos hospitais como a domicilio e unha rede de pisos e residencias en distintos puntos de España para aquelas persoas que teñan que mudar provisionalmente o seu lugar de residencia por motivos médicos ou para recibir tratamento. “Todos estes servizos son gratuítos para todos os enfermos”, remarca Teresa Gómez, que non esquece tampouco que a AECC destina parte do seu presuposto á investigación do cancro a través dunha fundación científica.

aecc aecc2

Día do TDAH en España

A Escola Infantil Municipal tamén conmemorou nas últimas semanas o Día do TDAH en España, en favor da visibilización, normalización e integración social das persoas con trastorno por déficit de atención e hiperactividad.

Co laranxa como protagonista, cor representativa do TDAH, o persoal e o alumnado engalanaron a escola con globos, pancartas e carteis co lema “Encaixamos igual ca ti”.

TDAH

Volver