- As entradas repartidas no seu día entre os veciños de Valga son válidas para esta nova data
- A formación, co valgués Manu Conde, presentará o seu último disco, “Atlántico”
Valga, 9 de novembro de 2018.
O concerto de Milladoiro previsto para o pasado sábado e que tivo que aprazarse debido ao falecemento dun familiar dun dos compoñentes do grupo, celebrarase finalmente o día 17 de novembro ás 20:30 horas no Auditorio Municipal.
As entradas repartidas no seu día entre os veciños de Valga son válidas para esta nova data. Ante a grande expectación que o espectáculo espertou entre a veciñanza, o Concello pide que se algunha persoa non pode asistir ao concerto, entregue as súas entradas nas oficinas municipais ou no Auditorio para que poidan ser utilizadas por outros espectadores.
Milladoiro, con Nando Casal, Xosé Ferreirós, Moncho García, Harry C., Manu Riveiro e o valgués Manu Conde, presentará en Valga o seu último traballo discográfico, “Atlántico”, que se publicou no mes de maio. É o seu primeiro álbum de estudo en dez anos. No concerto misturarán tanto temas deste novo disco como outros clásicos de Milladoiro.
O grupo galego con maior prestixio a nivel internacional e pioneiro na recuperación da música folk cumpriu en outubro 40 anos de traxectoria. Con motivo desta efeméride, nos últimos meses estiveron inmersos nunha xira que os levou a actuar por toda Galicia e boa parte de España. Agora chegan a Valga “emocionados e cheos de ilusión por actuar no Auditorio de Cordeiro. Hai moitos anos que non tocamos nesta vila e era unha asignatura que tiñamos pendente”.
O concerto enmárcase no programa provincial Musigal.