- O alcalde presenciou a conexión virtual co país báltico que se realizou dende a Aula CeMIT
- Participaron uns corenta nenos que asisten ás actividades de conciliación do Concello
Valga, 8 de novembro de 2018.
Un grupo de rapaces valgueses, arredor de corenta que asisten ás actividades de conciliación organizadas polo Concello, participaron na tarde de onte nunha conexión por videoconferencia co Museo de Valga (Estonia), dende onde os saudou outro grupo de nenos cos que conversaron durante uns minutos.
A actividade serviu para afondar no intercambio cultural e educativo que están a levar a cabo as dúas localidades homónimas irmandadas.
A conexión virtual realizouse dende a Aula CeMIT, no Auditorio, e serviu para que os rapaces dos dous países se coñecesen entre si, empregando o inglés como lingua de comunicación. O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro acompañaron durante a videoconferencia aos nenos valgueses, que elaboraron para a ocasión unha pancarta co lema “Valga con Valga”.
Este tipo de iniciativas culturais e os contactos educativos entre as dúas vilas remóntanse tempo atrás, dende que en maio de 2017 se asinou o memorando de irmandamento entre ambas localidades homónimas. Paralelamente estase a promover un intercambio xuvenil no que participen mozos dos dous países e que xire entorno á educación, a cultura, a formación e o deporte.
Este proxecto opta a recibir fondos da Unión Europea, en concreto do programa Erasmus+, dirixido á xuventude e que ten, entre os seus obxectivos, facilitar a mobilidade dos cidadáns europeos por motivos de aprendizaxe ou a través de intercambios xuvenís, iniciativas que ofrecen aos mozos a posibilidade de desenvolver as súas habilidades, gañar experiencias interculturais, novas formas de coñecemento e aprender sobre a sociedade e a cooperación europea.