Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os traballos, contratados por 71.267 euros, fináncianse cunha aportación da Xunta de Galicia

- A adxudicataria conta cun prazo de 14 días para realizar as obras, que permitirán poñer en funcionamento este novo recurso

centrointerpretacióncaña1

Valga, 5 de novembro 2018.

A empresa Sestrama Ibérica S.L. será a encargada de executar o remate das obras e o subministro de equipamento para o Centro de Interpretación da Caña do País. O proxecto foille adxudicado a esta compañía do Porriño por un importe de 71.267 euros.

Os traballos consistirán na execución de obras complementarias de fontanería, electricidade, pavimentación, ventilación e protección contra incendios. Tamén se dotarán de mobiliario e equipamento as dúas salas do Centro, a sala de mostras e catas e a de destilación tradicional e elaboración de licores. Nelas intalaranse mesas, sillas, estantes, vitrinas e outro mobiliario, así como dous alambiques de cobre compostos por pote, casco con colo de cisne e un recipiente de condensación, tinallas e outros obxectos relacionados coa produción da augardente. O prego de cláusulas polas que se rexiu o concurso público sinalaba un prazo de execución de 20 días que a empresa rebaixou a 14 como unha das melloras.

Esta é a última fase de obras no Centro de Interpretación da Caña. A primeira fase executouse a finais do ano pasado e consistiu na reconstrución dunha antiga edificación de pedra emprazada no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi adquirida polo Concello e se atopaba en estado ruinoso. Na primavera de 2018 acometeuse a segunda fase, que incluíu traballos de acondicionamento no exterior do edificio. Agora a terceira fase permitirá poñer a punto as novas instalacións de cara a súa entrada en funcionamento.

Este novo recurso turístico do que disporá Valga amosará aos visitantes o legado cultural e histórico de todos os elementos que xiran en torno á caña do país e a súa produción. Contará con paneis divulgativos, material informático e audiovisual, entre outros recursos expositivos. Os contidos organizaranse seguindo diferentes criterios como o cronolóxico, a importancia ou o nivel de interacción cos visitantes.

A actuación finánciase a través dun convenio coa Xunta de Galicia.

Volver