- “A creación de novos postos de traballo é primordial para este equipo de goberno”, destaca o alcalde
- Na sesión tamén se aprobou rescindir o contrato da empresa do Punto Limpo, que entrou en concurso de acreedores
Valga, 31 de outubro de 2018.
O Pleno de Valga aprobou provisionalmente, nunha sesión de carácter extraordinario celebrada onte, a modificación puntual nº1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá a ampliación das instalacións de Extrugasa, hoxe en día a maior industria de Valga tanto en superficie como en número de empregados.
Este cambio no planeamento urbanístico, que aínda debe continuar a súa tramitación ata a aprobación definitiva, afecta ao sector de solo urbanizable de uso industrial emprazado ao norte da estrada PO-548 Pontecesures-Vilagarcía . O obxectivo é reordenar o solo industrial reservado neste entorno adaptando as súas circunstancias ás necesidades actuais e facilitando o desenvolvemento empresiarial nesta área. En concreto, a modificación afecta ao sistema viario que atravesa o referido sector, que tal e como está definido agora conleva a fragmentación da zona industrial en dúas, algo que obstaculiza a ampliación das instalacións das industrias emprazadas no lugar, como é o caso de Extrugasa.
A ollos do grupo de goberno, a expansión de Extrugasa contribuirá a potenciar a actividade económica no municipio ademais de xerar novos postos de traballo, “unha noticia moi importante para Valga”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro. O rexedor engade que “é interese do Concello favorecer todas aquelas actuacións que reactiven social e económicamente a Valga, así como o mantemento e aumento da actividade industrial xa existente, importante xeradora de postos de traballo para os nosos veciños”.
No transcurso do Pleno tamén se aprobou por unanimidade a rescisión do contrato á empresa Soil Recovery, que xestionaba o Punto Limpo e máis a recollida de voluminosos, cartón e os contenedores amarelos. Esta compañía entrou en concurso de acreedores e deixou de prestar servizo “tanto en Valga como noutros 45 concellos” nos que tiña concesións similares, incidiu o alcalde, que lamenta os perxuízos que esta circunstancia allea ao Concello causou aos veciños. Para poder contratar de novo a prestación do servizo era imprescindible aprobar primeiro a rescisión do anterior contrato, como se fixo onte.
Outros dos asuntos da orde do día que foron aprobados foron o expediente de expropiación urxente dos terreos necesarios para a execución do proxecto “Saneamento no Concello de Valga”, pertencente ao Plan Concellos 2018-2019” e a conta xeral de 2017. No mes de maio xa se dera conta ao Pleno da liquidación do orzamento do pasado exercicio, que se pechou cun remanente de tesourería de 471.454’94 euros. Eses fondos incorporáronse ao orzamento de 2018 e distribuíronse en diferentes partidas como a destinada á mellora e asfaltado de estradas municipais.