- A exposición coas obras pictóricas, labores e obxectos que poden adquirirse inaugurouse esta mañá e permanecerá no Auditorio ata finais de mes
- Os artigos intercambiaranse por alimentos e produtos de hixiene entre os días 20 e 30 de novembro
Valga, 2 de novembro de 2018.
O Auditorio Municipal acolle dende hoxe e ata finais de novembro a exposición coas obras, obxectos e agasallos doados por colectivos, artistas e veciños para o mercado solidario “Troca arte por alimentos”, organizado polo Centro de Día de Valga coa colaboración do Concello e co que se recadan produtos alimenticios e de hixiene para a entidade benéfica Cáritas.
A mostra foi inaugurada esta mañá coa presenza das concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez, usuarios e persoal do Centro de Día, entre eles a coordinadora da actividade, Begoña Buela, e representantes doutros colectivos participantes como as asociacións Asdivalu ou Palilleiras “A Bella Otero”. O listado de doantes inclúe, ademais, a Aurea Garabán, Marina Frederico, Carmen Miguéns, Elena Vidal, Esther Potel, Ángeles Garrido, Adeval, Mulleres Rurais “Albor” e a asociación xuvenil “A Eira”. Coas aportacións de todos configurouse un mercadiño que inclúe cadros, obxectos decorativos, babeiros, abanicos e outros labores artesanais.
Todos saen á venda por un prezo en alimentos e produtos de primeira necesidade polos que se poderán intercambiar. Os trocos realizaranse a finais de novembro, entre os días 20 e 30, e os alimentos e produtos que aporten os cidadáns serán entregados a Cáritas para que os distribúa entre as familias sen recursos. O Centro de Día solicitou a esta entidade social un listado das súas principais necesidades entre as que se atopan leite, aceite de oliva e de xirasol, cereais e galletas de almorzo, cacao e café soluble, iogures pasteurizados que non precisen conservarse frío, crema de cacao, alimentos precociñados non refrixerados (fabada en lata, albóndigas, callos…), crema de verduras en bricks, azucre e marmelada. A lista tamén inclúe produtos de hixiene como xel de ducha, champú, desodorante, cepillos e pasta de dentes, compresas femininas e pañais infantís talla 3.
Esta é a quinta edición do mercado solidario “Troca arte por alimentos”, que nesta ocasión está dedicado á memoria de Pepe Potel. Un cadro do artista falecido propiedade do Centro de Día preside a mostra. “É a nosa forma de darlle as grazas pola súa colaboración con esta iniciativa durante os últimos anos”, remarca a coordinadora da actividade, Begoña Buela.