- As fugas de caudal poden causar prexuízos importantes ás arcas municipais
- As melloras executaranse nun prazo de 15 días e investiranse 39.562 euros
Valga, 27 de outubro de 2018.
O Concello vén de adxudicar á empresa 3G Aguas unha actuación para controlar as perdas na rede de abastecemento de augas mediante a instalación de equipos de control tanto nos depósitos municipais como nas canalizacións. Investiranse nesta mellora 39.562’17 euros, dos que 31.735 se corresponden cunha subvención da Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental.
O contrato formalizouse o pasado luns e a empresa adxudicataria conta cun prazo de 15 días para exectuar os traballos.
O Concello ve necesaria esta actuación para optimizar o servizo de abastecemento de augas, básico para a veciñanza, e para ter un control axeitado de cada un dos depósitos municipais e das liñas de tubaxes existentes no territorio local.
Hai que ter en conta circunstancias como a gran dispersión dos núcleos de poboación valgueses, que implica a existencia de moitos quilómetros de canalización soterrada con trazados moi longos, co que aumentan as posibilidades de perdas de caudal que poden chegar a ocasionar importantes perxuízos económicos ao Concello e, por conseguinte, aos veciños.
Ademais das fugas, os equipos que se instalarán na rede de abastecemento tamén permitirán detectar consumos abusivos que na actualidade quedan fóra do control dos contadores.