- A actividade é gratuíta para todos os nenos que queiran asistir
- O Auditorio tamén acolle esta tarde "Contos para pasalo de medo"
Valga, 26 de outubro de 2018
A Casa da Cultura de Valga acolle o vindeiro martes, 30 de outubro, a partir das 17 horas a sesión de contos “O Raposo Rufo”, baseada na colección de libros co mesmo nome.
A actividade de narración oral, dirixida a nenos a partir de 4 anos de idade, comezará co relato de contos e, ao final, haberá tamén un obradoiro no que os rapaces poderán desenvolver a súa creatividade. A reciclaxe, a natureza e o seu coidado, a alimentación saudable e os bos hábitos serán algunhas das cuestións que se aboradarán de forma amena durante a sesión.
A entrada é gratuíta para todos os nenos que queiran participar.
A actividade organizada pola biblioteca municipal de Valga dentro do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, promovido pola Xunta e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Esta tarde o Auditorio Municipal acolle outra actividade deste programa: “Contos para pasalo de medo”, unha sesión de contacontos a cargo de Carmen Domech e que combina narración oral e títeres. Está dirixida a nenos a partir de 3 anos de idade.
Os rapaces achegaranse a un mundo de tebras a través de cinco historias de terror, humor e amor protagonizadas pola señora Antonia, unha meiga de nariz afiada, con verruga no rostro e sombreiro picudo, e os seus amigos: bandidos, pantasmas, morcegos e almas.