- Melloraranse sete viais na parroquia de Cordeiro, catro en Setecoros, tres en Campaña e outros tres en Xanza
- As empresas teñen de prazo para presentar ofertas ata o día 12 de novembro
Valga, 22 de outubro de 2018.
O Concello de Valga sacou esta semana a contratación o proxecto “Pavimentación de estradas municipais” que inclúe traballos de mellora e asfaltado en dezasete viais. Sete na parroquia de Cordeiro (Canle, a estrada Moldes-Carracido-Laxes, Ferreirós, Vilarello, Barro-Barcia, Loncras e Forno), catro en Setecoros (Bronllo, Cerneira, Cernadas e Louro), tres en Campaña (dous na Torre e outro na zona da igrexa) e tres en Xanza (Senín, Parafita e Baño).
Trátase de estradas que se atopan en malas condicións para a circulación debido ao seu uso e, fundamentalmente, ás copiosas chuvias caídas durante o pasado inverno. Executaranse traballos de limpeza do firme e das marxes, con apertura de cunetas, e a posterior pavimentación con mistura bituminosa en quente de catro centímetros de espesor. O orzamento do proxecto ascende a 383.154,27 euros.
As empresas poden presentar ofertas para optar a este contrato ata as 14:30 horas do día 12 de novembro no rexistro do Concello. Unha vez se asine o contrato, o adxudicatario contará cun prazo de 60 días para executar as obras.