Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A fase de entrevista está a desenvolverse esta mañá no Auditorio Municipal

- Os participantes formaranse durante nove meses nos módulos de construción e forestal

obradoiroeemprego

Valga, 23 de outubro de 2018.

Un total de corenta desempregados de Valga e Moraña están citados esta mañá no Auditorio Municipal para participar na fase de entrevista do proceso para seleccionar ao alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia III.

Nun primeiro momento foron sesenta as persoas preseleccionadas polo Servizo Público de Emprego (SEPE) para optar a unha praza deste obradoiro, pero a cifra quedou reducida a corenta despois da primeira fase que consistiu en cubrir un cuestionario. Un tribunal integrado por dúas representantes do SEPE, a técnica de emprego do Concello de Valga e o secretario de Moraña está a realizar dende as 9:30 horas de hoxe as entrevistas persoais aos aspirantes, dos que sairán os 20 alumnos do Obradoiro de Emprego, dez para o módulo de construción e outros dez para o de acondicionamento forestal.

Tamén está en marcha a selección do persoal directivo, administrativo e docente. Contratarase, en concreto un director a tempo completo, un titor e un administrativo a tempo parcial e dous docentes, un por módulo. Neste caso, o proceso atópase en fase de alegacións e a lista de persoas que pasan á fase de entrevista coñecerase o vindeiro 26 de outubro.

O obradoiro de emprego Ulla-Umia III é promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña co obxectivo de favorecer a empregabilidade nestes dous municipios. Consta de dous módulos de construción e acondicionamento forestal. Como é habitual neste tipo de proxectos, a formación teórica compaxinarase coa práctica mediante a realización de obras de utilidade pública. Os traballos proxectados en Valga son o acondicionamento do Camiño Portugués, a continuación das obras no edificio de usos administrativos, o arranxo dos aseos e vestiarios do ximnasio municipal e o acondicionamento de zonas de lecer como a praia fluvial de Vilarello ou o miradoiro de Beiro.

A Xunta de Galicia aprobou unha aportación económica de 288.807 euros para este obradoiro.

Volver