- Desenvólvense de luns a venres en horario de tarde e son gratuítas para as familias
- Admítense novas inscricións durante todo o curso, tanto nas oficinas do Concello como no Auditorio
Valga, 22 de outubro 2018.
As actividades de conciliación que a Concellería de Educación organiza, un curso máis, para escolares matriculados nos centros educativos do municipio comezan esta tarde cun total de corenta e cinco rapaces inscritos. Con esta iniciativa, o Concello quere favorecer a conciliación laboral e familiar.
Ademais de clases de reforzo educativo, a programación tamén inclúe propostas deportivas, lúdicas e culturais co fin de ofertar a maior variedade posible para que os rapaces teñan á súa disposición actividades que lles gusten e coas que se sintan motivados. Desenvolveranse durante todo o curso en horario de tarde, unha vez rematada a actividade escolar. No CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza, entre as 15:30 e as 17:30 horas. E no CEP Plurilingüe Xesús Ferro Couselo de Cordeiro comezan ás 16 e rematan as 18 horas.
Estas actividades son gratuítas para as familias e tratarán de fomentar entre os nenos os valores da igualdade, o compromiso e o traballo en equipo, entre outros. Admítense inscricións durante todo o curso tanto nas oficinas do Concello como no Auditorio Municipal.