Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O rexedor a concelleira de Benestar Social reuníronse con pais e traballadores do centro de discapacitados

- Bello Maneiro explicoulles os pasos que seguirá o Concello trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza

reunióncodi2

Valga, 19 de outubro de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, mantiveron esta mañá unha reunión con familiares de usuarios e traballadores do CODI para tratar a financiación do centro para discapacitados que, dende 2016, corre a cargo exclusivamente do Concello de Valga ao retirar a Deputación a axuda de 90.000 euros ao ano que ata entón viña concedendo.

O rexedor informou ás familias sobre a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que “deixa claro que houbo un CAMBIO DE CRITERIO da Deputación polo que o CODI deixou de ser PRIORITARIO para eles”. Este cambio de criterio, engadiu, puxo en risco tanto a continuidade do servizo que se presta aos usuarios como o mantemento dos postos de traballo e “o que máis nos doe é que haxa xente en Valga que se alegre disto”.

Bello Maneiro explicou aos pais dos usuarios e ao persoal do centro que a financiación do CODI está garantida ata finais deste ano xa que os orzamentos de 2018 en vigor inclúen os fondos necesarios. Ademais avanzoulles que os presupostos do Concello para 2019 volverán a recoller a financiación necesaria para o centro de discapacitados. “Tanto o servizo, do que nos sentimos moi orgullosos, como os postos de traballo están tamén garantidos durante o vindeiro ano”, recalcou o alcalde.

“Queremos que o CODI siga en funcionamento e demostrámolo con feitos”, engadiu. Citou como exemplos as obras de instalación dun forno de cerámica que están executándose na actualidade e que permitirán a posta en marcha dun novo obradoiro para os usuarios; ou o feito de que, dende 2016, os membros do goberno local non estean a cobrar polas asistencias a Plenos, Comisións ou Xuntas de Goberno para que o Concello poida contar dispor deses cartos para financiar o CODI aínda non sendo da súa competencia.

Durante o encontro, as familias plantexaron diversas preguntas aos responsables municipais e interesáronse pola situación actual do centro. Fixeron fincapé no “importante” que é este servizo para os usuarios e o alcalde manifestoulles que “o Concello seguirá loitando para mantelo. Os servizos xurídicos municipais están a estudar a presentación dun recurso ante o Tribunal Supremo e, se ao final, temos que ir a un contencioso coa Xunta, iremos porque o que nos preocupa son os usuarios, non a política”.

O CODI conta na actualidade con obradoiros de reciclaxe de aparatos eléctricos e electrónicos, musicoterapia, estimulación cognitiva e manualidades no que participan os seus usuarios que, ademais, fanse cargo dun invernadoiro no que cultivan hortalizas. Próximamente porase en funcionamento un novo obradoiro de cerámica para o que se está a instalar o forno.

reunióncodi3

Volver