- O alumnado e o persoal docente están a lucir durante a xornada de hoxe pulseiras, panos e globos de cor rosa
- Ata finais de mes o centro recaudará fondos para contribuír á investigación desta doenza a través da Asociación Española Contra o Cancro
Valga, 19 de outubro de 2018.
O alumnado e o persoal docente da Escola Infantil Municipal de Valga están a conmemorar hoxe o Día Mundial contra o cancro de mama con distintas iniciativas. Á entrada do centro educativo globos e outras decoracións advirten sobre a campaña “Súmate ao rosa”, que se está a desenvolver con motivo desta xornada de compromiso social e loita contra o tumor máis frecuente entre as mulleres. Ademais, os nenos e o persoal da Escola Infantil están a lucir panos, pulseiras e outras prendas e distintivos de cor rosa.
Como xa fixo o ano pasado, a dirección do centro está, tamén, a recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro. Ata finais de mes ten en marcha un mercadiño no que se venden paraugas, pulseiras, panos, mochilas, gafas de sol, gorras e outros obxectos aportados pola AECC e que as familias do alumnado poden adquirir para contribuír á loita contra esta grave enfermidade. A resposta da comunidade educativa está a ser moi boa pero, aínda así, o persoal da Escola Infantil anima a seguir colaborando xa que toda aportación, por pequena que sexa, resulta de gran importancia.
O ano pasado o centro recadou con esta campaña “Súmate ao rosa”, arredor de 250 euros.