- A sesión de contacontos, dirixida a nenos a partir de 3 anos, ten entrada gratuíta
- Forma parte do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”
Valga, 18 de outubro de 2018.
O Auditorio Municipal acolle o vindeiro venres, 26 de outubro, a actividade “Contos para pasalo de medo”, unha sesión de contacontos a cargo de Carmen Domech e que combina narración oral e títeres. Está dirixida a nenos a partir de 3 anos de idade.
Os rapaces achegaranse a un mundo de tebras a través de cinco historias de terror, humor e amor protagonizadas pola señora Antonia, unha meiga de nariz afiada, con verruga no rostro e sombreiro picudo, e os seus amigos: bandidos, pantamas, morcegos e almas.
A actividade comezará ás 17:30 horas e a entrada é gratuíta. Está organizada pola biblioteca municipal de Cordeiro dentro do programa de dinamización da lectura “Ler conta moito”, promovido pola Xunta e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Forma parte, ademais, da programación do Concello con motivo do Samaín, que inclúe tamén unha “Noite de terror na biblioteca” unha festa con chocolatada.