- A sesión terá lugar o vindeiro 5 de novembro a partir das 12 horas
- Facilitaranse coñecementos para comprender a factura e falarase das tarifas con desconto e do bono social
Valga, 18 de outubro de 2018.
A campaña “Dálle luz á túa factura”, impulsada pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Consumo, chega o vindeiro 5 de novembro á Aula CeMiT de Valga a través dunha vídeoconferencia con contidos para axudar aos consumidores e usuarios a comprender mellor a factura eléctrica e darlles algunhas claves para aforrar. A sesión terá lugar a partir das 12 do mediodía.
Tendo en conta que un dos principais gastos das economías familiares é o destinado ao pago da factura eléctrica, “Dálle luz á túa factura” pretende facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura, para adoptar medidas de aforro no gasto eléctrico e para realizar reclamacións en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías eléctricas.
A sesión, cunha duración aproximada de 90 minutos, centrarase ademais nas tarifas con descontos como o bono social (de carácter estatal) e axudas específicas a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social (a nivel autonómico).
Hai doce prazas dispoñibles para usuarios a partir de 16 anos de idade. Para asistir é necesario inscribirse con anterioridade a través dos números de teléfono 986 556 769 ou 986 559 456.