- O colectivo Amigos do Belén fai un chamamento aos valgueses en busca de voluntarios que colaboren nas tarefas
- O nacemento, que abrirá as súas portas o primeiro domingo de decembro, supera as 4.500 figuras, moitas delas mecanizadas
Valga, 17 de outubro de 2018.
Co Nadal á volta da esquina, a asociación Amigos do Belén de Valga traballa xa na renovación do Belén Artesanal en Movemento, unha das composicións máis afamadas de Galicia e de España e que atrae cada ano a milleiros de visitantes ao municipio, destacando como un dos seus principais atractivos turísticos. Son preto dunha trintena as persoas que dende a pasada semana se reúnen a diario no local de Rúa Nova de Campaña para idear e plasmar o novo deseño do Belén, declarado en 2013 de Interese Turístico de Galicia.
As tarefas arrancaron a comezos da pasada semana e nas primeiras xornadas centráronse na retirada de tódalas figuras, edificios e outros elementos que formaron parte da última composición para despois comezar de novo a confeccionar un nacemento que ten como principal pecularidade a conxugación de esceas propias das festas de Nadal, como o nacemento do Neno ou a adoración dos Reis Magos, con tradicións locais e mostras da cultura popular do rural de Galicia como a matanza ou a sega e malla do trigo. A isto engádense figuras ilustres como Rosalía de Castro ou Xesús Ferro Couselo, personaxes famosos e a recreación de acontecementos de actualidade de ámbito local, nacional e internacional que fan deste un Belén único. E todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas das figuras e escenas de movemento co emprego de motores de limpaparabrisas, cepillos de dentes e outros utensilios eléctricos. A imaxinación e o enxeño, ademais do esforzo, xogan un papel moi relevante na montaxe deste nacemento.
Nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados, o Belén Artesanal en Movemento superará este ano as 4.500 figuras feitas a man con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. Tamén se renovarán algunhas edificacións, construídas na súa meirande parte con estrutura de madeira e recubertas de pedra. E, por suposto, novas escenas vencelladas á actualidade local e mundial que recollan boa parte dos acontecementos que marcaron este ano. É moito o traballo que queda por diante e, por iso, o colectivo Amigos do Belén fai un chamamento á veciñanza en busca de voluntarios que queiran colaborar nas tarefas. “Reunímonos todos os días a partir das 19 horas no local de Campaña. Calquera pode botar unha man, só hai que vir con ganas de traballar”, anima a concelleira de Cultura e presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras.
Este ano, avanza, a remodelación do Belén será máis notable que en edicións anteriores, unha renovación integral, avanza. Tralas tarefas de desmontaxe, agora “cada persoa está centrada na súa parcela: facendo casas, preparando os novos bonecos e outros ocupándose da parte mecánica, reparando os mecanismos deteriorados e articulando novos movementos”. A última fase antes da apertura será a montaxe.
Ademais, haberá novedades nos exteriores do local do Belén, onde se están a acometer tarefas de acondicionamento do entorno e melloras estéticas no xardín, que despois será decorado con algunhas construcións e composicións que, no seu día, formaron parte do nacemento pero que quedaron relagadas ante as novas incorporacións.
O Belén Artesanal en Movemento inaugurarase o domingo 2 de decembro e abrirá ao público todos os días durante seis semanas, ata o día 13 de xaneiro de 2019. O resto do ano seguirá a disposición dos visitantes que formen parte de grupos organizados ou excursións. No último Nadal foron arredor de 42.000 as persoas que acudiron a ver o nacemento e, durante o resto do ano, “houbo máis visitas ca nunca. Foron poucas as fins de semana nas que non houbera excursións ou visitas organizadas, incluso de pequenos grupos e familias chegados de toda Galicia e doutras partes de España como Salamanca”, indica a concelleira Mari Carmen Castiñeiras.