- Os boletos comezarán a dispensarse ás 9 da mañá
- As persoas empadroadas en Valga teñen preferencia ata o 23 de outubro
Valga, 16 de outubro de 2018.
As entradas para asistir ao concerto que o grupo Milladoiro ofrecerá no Auditorio Municipal o vindeiro 3 de novembro poden retirarse nas oficinas municipais a partir das 9 horas de mañá mércores. O espectáculo é gratuíto pero é preciso retirar previamente os tickets para un mellor control do aforo ante a expectación que o concerto está a espertar entre a veciñanza.
As persoas empadroadas en Valga teñen preferencia para asistir ao concerto. Teñen de prazo ata o vindeiro 23 de outubro para acudir ás oficinas do Concello a solicitar as súas entradas en horario de 9 da mañá a dúas do mediodía. Se daquela aínda quedan boletos, poñeranse a disposición do resto do público ata completar o aforo do Auditorio, que é de 530 butacas.
Milladoiro, grupo folk por antonomasia de Galicia e embaixador da cultura galega por todo o mundo, presentará en Valga o seu último traballo discográfico, “Atlántico”, que se publicou no mes de maio. É o seu primeiro álbum de estudo en dez anos, no que se pode escoitar ao Milladoiro de sempre pero, ao mesmo tempo, a un Milladoiro en renovación permanente. En palabras de Nando Casal, “neste disco xogou un papel fundamental a parte xove do grupo: Harry C., Manuel Riveiro e, sobre todo, o valgués Manu Conde porque o álbum non só conta con temas compostos por el, senón que ademais foi o produtor. O resto de Milladoiro estámoslle moi agradecidos e moi satisfeitos co resultado final”.
O grupo galego con maior prestixio a nivel internacional e pioneiro na recuperación da música folk cumpre este mes 40 anos de traxectoria. Está inmerso nunha xira que os levou por toda Galicia e tamén por prácticamente toda España con gran aceptación entre o público. Logo de actuar en Valladolid, Segovia e Toledo ou León, recalan en Valga “cheos de ilusión por actuar no Auditorio de Cordeiro. Hai moitos anos que non tocamos en Valga e era unha asignatura que tiñamos pendente”, remarca Nando Casal.
No concerto, que dará comezo ás 20:30 horas, misturarán tanto temas do novo disco como outros clásicos de Milladoiro.