Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os traballos, cun orzamento de 86.911 euros, fináncianse cunha aportación da Xunta de Galicia

- O novo espazo conterá recursos divulgativos e expositivos en torno á augardente e a súa produción

centro interpretación caña

Valga, 16 de outubro 2018.

O Concello de Valga vén de licitar o remate das obras e o subministro de equipamento para o Centro de Interpretación da Caña do País. O proxecto, cun orzamento de 86.911,49 euros, finánciase a través dun convenio coa Xunta de Galicia, que aporta 85.000 euros. As empresas que queiran optar ao contrato teñen de prazo ata as 14:30 horas do día 25 de outubro para presentar as súas ofertas.

Esta é a última fase de obras no Centro de Interpretación da Caña. A primeira fase executouse a finais do ano pasado e consistiu na reconstrución dunha antiga edificación de pedra emprazada no entorno do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi adquirida polo Concello e se atopaba en estado ruinoso. Na primavera de 2018 acometeuse a segunda fase, que incluíu traballos de acondicionamento no exterior do edificio e proxéctase agora unha terceira fase que permitirá poñer en funcionamento as novas instalacións.

Os traballos teñen un prazo de execución de 20 días e consistirán na execución de obras complementarias de fontanería, electricidade, pavimentación, ventilación e protección contra incendios. Tamén se dotarán de mobiliario e equipamento as dúas salas do Centro, a sala de mostras e catas e a de destilación tradicional e elaboración de licores. Nelas intalaranse mesas, sillas, estantes, vitrinas e outro mobiliario, así como dous alambiques de cobre compostos por pote, casco con colo de cisne e un recipiente de condensación, tinallas e outros obxectos relacionados coa produción da augardente.

Este novo recurso turístico do que disporá Valga amosará aos visitantes o legado cultural e histórico de todos os elementos que xiran en torno á caña do país e a súa produción. Contará con paneis divulgativos, material informático e audiovisual, entre outros recursos expositivos. Os contidos organizaranse seguindo diferentes criterios como o cronolóxico, a importancia ou o nivel de interacción cos visitantes.

Volver