- A estrea terá lugar este xoves a partir das 16:30 horas na biblioteca do centro
- As actividades son abertas a toda a cidadanía, sen que sexa necesario formar parte da comunidade educativa
Valga, 16 de outubro de 2018.
O IES de Valga estrea este xoves, 18 de outubro, un novo curso do Club de Lectura coa participación da escritora Inma López Silva (Santiago, 1978), que falará sobe a súa novela “Aqueles días en que eramos malas”, publicada por Ediforial Galaxia e co feminismo como trasfondo dunha realidade difícil e descoñecida para boa parte da poboación. A cita é as 16:30 horas na biblioteca do centro.
Unha monxa, unha prostituta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten módulo de mulleres nunha cárcere e viven xuntas un tempo de encerro, rebelións, lembranzas e emocións. “Aqueles días en que eramos malas” é unha obra áxil e emocionante que mistura traxedia e comedia e na que se presenta a cárcere como un mundo descoñecido, situado nas marxes da sociedade e da vida, no que existen vítimas, verdugos e, sobre todo, grandes historias vitais.
É, ata o de agora, a novela máis ambiciosa de Inma López, escritora e crítica teatral que comibina a súa actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática. Autora dunha ducia de obras, destaca como unha das escritoras galegas de ficción contemporánea máis sobresaíntes.
Neste curso 2018/19 que está a piques de inaugurar, o Club de Lectura do IES de Valga cumpre dez anos de actividade continua de fomento da lectura. No acto deste xoves, ademais, estudarase a posibilidade de poñer en marcha un servizo de atención a pais de alumnos e ao conxunto da cidadanía polas tardes na biblioteca escolar.
Dende o IES de Valga lémbrase que o Club de Lectura está aberto á participación de toda a comunidade educativa e de toda a veciñanza –aínda que non teñan relación directa co centro–. A única condición é ter interese e gusto pola lectura. As persoas que queiran asistir ás sesión deben poñerse en contacto co responsable da biblioteca do IES, Miguel Fernández.