- A proba terá lugar o vindeiro 16 de novembro a partir das 10 horas
- O prazo de inscrición estará aberto dende mañá e ata o 18 de outubro, ambos incluídos
Valga, 10 de outubro de 2018.
A Axencia Galega para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abrirá mañá xoves o prazo de inscrición nas probas libres de avaliación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria enviada ao Diario Oficial de Galicia e publicada hoxe, con preto de 600 prazas en diversas localidades de Galicia. Entre elas Valga, onde o exame está fixado para o venres 16 de novembro ás 10 horas cun total de once prazas disponibles.
Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía que, ben pola súa experiencia ou pola formación adquirida por diferentes medios (cursos, academias, autoformación, etc.), xa posúe os coñecementos necesarios das aplicación informáticas que componen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de Libre Office.
A inscrición poderá realizarse por internet a través de http://cemit.xunta.gal a partir de mañá e ata o xoves 18 de outubro, ambos inclusive, sendo necesario estar dado de alta como usuario da Rede CeMIT. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da Rede CeMIT.
As persoas admitidas recibirán un correo electrónico coas instrucións necesarias para a súa matriculación: deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame, quedando excluídas aquelas persoas aspirantes que non paguen a citada taxa ou non xustifiquen a exención da mesma.