Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade é gratuíta e aínda admite inscricións de novos participantes ata a vindeira semana

- Divididos en grupos infantil e de adultos, os participantes prepararán e representarán varias obras

eteatro1

Valga, 10 de outubro de 2018.

A Escola de Teatro municipal deu comezo na tarde de onte a un novo curso cunha vintena de alumnos matriculados, dos que once son rapaces a partir de seis anos de idade e oito adultos. Con Manuel Solla Barragáns como profesor, as sesións semanais gratuítas prolongaranse ata a primavera de 2018. Durante este tempo prepararán varias obras que despois presentarán ante o público. Farano por separado os nenos e os adultos e estes últimos, ademais, terán entre os seus deberes representar a obra gañadora do premio “A Guerra da Independencia en Valga” con motivo da Batalla de Casaldeirigo.

O grupo infantil é o máis numeroso e as súas sesións desenvólvense entre xogos de traballo cooperativo para favorecer que os rapaces se coñezan e propostas lúdicas que lles axuden a interiorizar algunhas das regras básicas do teatro como mirar ao público, falar alto ou aprender a improvisar. As clases tratan de ser divertidas para que os nenos adquiran soltura e “co tempo iremos introducindo personaxes e situacións da obra a ensaiar para que, pouco a pouco e case sen darse conta, o espectáculo vaia rodado”, explica o mestre e director da escola municipal.

Manuel Solla xa ten claro o tipo de obra que preparará co grupo infantil: “un espectáculo educativo e con valores no que estean sempre todos sobre o escenario e vaian cambiando de papeis e personaxes”. Semellante, engade, á obra da pasada temporada, “Non queremos perdices”, unha versión do conto de Cinsenta centrada en aspectos como a igualdade de xénero.

No tocante aos adultos, a maioría levan xa anos na Escola de Teatro e adoitan empezar máis rápido a ensaiar as súas obras. A deste curso será unha comedia con mensaxe e Manuel Solla márcase como obxectivo que o espectáculo estea listo “en tres ou catro meses para que non só o representemos en Valga senón que poidamos saír con el a outras localidades”. Nas próximas sesións de ensaios “xa comezaremos con lectura de textos e pequenas probas”, engade.

Varios dos integrantes deste grupo de adultos adoitan a participar como figurantes en series e espazos de televisión, sobre todo da canle autonómica. Tamén o propio director, Manuel Solla, que nos últimos meses gravou pequenas aparicións en “Fariña”, “Vivir sin permiso” e “Serramoura”.

eteatro2 eteatro3

eteatro4 eteatro5

eteatro6 eteatro7

Volver