- Agrupacións de Soutomaior, Louro e Vilalba acompañaron aos anfitrións na décimo terceira edición do seu encontro
- O alcalde e as concelleiras de Cultura e Benestar Social respaldaron o traballo da coral valguesa coa súa asistencia
Valga, 8 de outubro de 2017.
Catro agrupacións déronse cita onte domingo no Auditorio Municipal para participar no Festival de Corais organizado pola Polifónica Santa Comba de Cordeiro, unha cita que leva trece anos celebrándose coincidindo co comezo do outono.
Acompañaron aos anfitrións a Coral de Soutomaior, a Polifónica Vilalbesa e a agrupación Agustín González de Louro (Muros), que foi a encargada de romper o xeo cun reportorio composto polos temas “Fisterra”, “Isla Canaria”, “La reina del placer” e “Catro vellos mariñeiros”.
A Polifónica de Soutomaior cantou “El menú”, “Camino del indio”, “O quer que lle quer” e “Tía anica de Loulé”, mentras que a Coral Vilalbesa ofreceu “Canción mixteca”, “Lela”, “A serea” e “A caracola”. En último lugar actuou a Polifónica Santa Comba de Cordeiro que, dirixida por Manuel López Castro e co acompañamento de Paula Gago ao piano, puxo en pé ao público cos temas “A ti bella luz”, “Los dardos del sol”, “Viento del norte e “O galopín”.
Antes de pechar o festival, as catro corais compartiron escenario cantando conxuntamente “Amor rianxeiro” e “Cielito lindo”, tamén co acompañamento do público, entre o que se atopaban o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Mari Carmen Castiñeiras e Begoña Piñeiro.
A presidenta da xunta directiva da Coral Santa Comba, Valentina Ferro, aproveitou a cita para dar as grazas tanto ás autoridades como aos socios da agrupación polo respaldo que reciben e os azos para seguir “colaborando coa cultura do noso pobo”. Ademais, fixo un chamamento aos valgueses aos que “lles guste a coral” e a música para que se integren na agrupación e, así, o traballo dos membros máis veteranos poida complementarse con novas voces.