- Recoñece que o proxecto que presentou o Concello cumpría os requisitos pero di que se esgotaron os cartos
- O goberno local lamenta o “nulo interese” da administración provincial no benestar dos veciños
Valga, 3 de outubro 2018.
O goberno local de Valga lamenta que, unha vez máis, a Deputación Provincial de Pontevedra volva a demostrar o seu nulo interese polo benestar dos vecinos de Valga ao denegarlle unha nova subvención, neste caso por valor de 498.697 euros que se ían destinar á humanización da contorna do complexo deportivo de Campaña.
O Concello recibiu esta semana a notificación na que se anuncia que non se lle asigna a Valga nin un euro de subvención a pesares de que, como recoñece a propia Deputación, o proxecto presentado cumpre todos os requisitos e era “elixible”. A escusa que alegan desta volta é que “se esgotaron os cartos” do Plan de Remodelación e mellora de Seguridade dos viarios Municipais. “Que sucede, que se esgotaron xusto ao chegar a Valga”, pregúntase o equipo de goberno, que xa non cre nestas casualidades porque “non é a primeira vez, senón que sempre igual”.
Nete sentido, o goberno municipal lembra que a Deputación de Pontevedra xa deixou a Valga sen unha subvención de máis de 800.000 euros para financiar as obras do edificio administrativo e o acondicionamento da praza Vicente Cousiño, unha decisión que “foi arbitraria e estivo politizada xa que, de feito, a comisión que denegou a axuda estivo presidida polo secretario xeral do PSOE de Pontevedra, David Regades”.
Tampouco hai que esquencer que a Deputación de Carmela Silva retirou as axudas económicas ao Centro Ocupacional para persoas con discapacidade (CODI). A administración pronvincial fíxoo, ademais, “con pouca altura democrática e con nula transparencia”, lembran os edís do goberno, xa que o Concello “tivo que enterarse por anuncio no BOP en abril de 2016” de que non ía a contar coa subvención para ese mesmo ano. “Se houbera un mínimo interese, a Deputación seguiría financiando o CODI como o viña facendo con anterioridade, pero preferiu demostrar unha insensibilidade absoluta coas persoas con discapacidade e cun centro que desenvolve unha actividade de máximo interese a nivel comarcal”. Este centro está ser financiado agora e de xeito exclusivo con cartos do Concello de Valga, que consigueu manter as actividades para os usuarios e o persoal sen axuda de ningunha administración e a pesares de que non é a súa competencia.
E mentras, lamenta o equipo de goberno, os concelleiros do PSOE de Valga seguen a aplaudir estas decisións da Deputación que prexudican aos veciños guiándose soamente polo seu propio interese en “medrar politicamente en lugar de velar polos intereses dos valgueses. A Deputación está para dar servizos e respaldar a concellos coma Valga, de 6.000 habitantes, e sen embargo está a facer todo o contrario, repartindo os cartos entre municipios con máis habitantes e máis recursos e priorizando sempre aos da súa mesma cor política”.