- Na actividade participaron máis de catrocentos escolares de Educación Infantil e Primaria
- O Auditorio continúa coa súa programación na fin de semana, coa Copa de Galicia de Fisicoculturismo e o Festival de Outono de Corais
Valga, 3 de outubro 2018.
Alumnado dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo de Cordeiro asistiron esta mañá no Auditorio Municipal a unha representación teatral centrada na problemática do acoso escolar e as súas consecuencias, “Contos do recreo”. Na actividade participaron máis de catrocentos alumnos de Educación Infantil e Primaria.
“Contos do recreo” é unha comedia musical protagonizada por Laura Míguez e Guillermo Carbajo que está inspirada en “Conto de Nadal” de Charles Dickens. Relata a historia de Alicia, unha rapaza que goza facéndolle a vida imposible ás súas compañeiras e que se ve inmersa nunha aventura que a cambia para sempre. No recreo previo ao exame máis importante do curso, Alicia chega ata un lugar máxico no que habita Xacobe, un estrafalario bedel. Para poder saír de alí e chegar ao exame ten que resolver enigmas e superar obstáculos a través dos que aprenderá que a agresividade e a falta de empatía só conducen á infelicidade e á frustración.
Tratouse dun espectáculo colorista e optimista centrado no concepto de “reforzo positivo”, clave para previr o acoso escolar. Música en directo, monicreques, maxia, efectos de iluminación e a proxeccións de vídeo mapping fixeron as delicias dos escolares durante os 50 minutos que durou a representación.
O Auditorio Municipal continuará coa súa programación na fin de semana. O sábado albergará a cuarta edición da Copa de Galicia de Fisicoculturismo e Fitness, organizada pola Federación Galega. Entre as 9 e as 10 horas procederase á pesaxe dos participantes e ás 12 do mediodía dará comezo a competición. A organización admite inscricións en ata en sete categorías diferentes: Noveis, Principiantes, Classic, Mens Physique, Woman Physique, Mens Short e Bikini-Body Fitness.
Ademais da Copa de Galicia, celebrarase na mesma xornada a primeira edición do Open “Memorial Evita de Labra”, en recordo da que foi presidenta da Federación, falecida en maio. As entradas para o público terán un prezo de 10 euros por persoa.
O domingo a partir das 19 horas terá lugar a décimo terceira edición do Festival de Outono de Corais, un evento que organiza a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro coa colaboración do Concello.
Ademais da anfitrioa, a Polifónica Santa Comba, actuarán outras tres agrupacións das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. Serán a Coral Agustín González de Louro (Muros), a Polifónica Soutomaior e a Coral Polifónica de Vilalba.
A entrada ao festival e gratuíta para o público.