- A imaxe da Virxe foi ofrecida polos irmáns María e José Manuel Castelao, nados nos Martores e emigrados a Arxentina
- Unhas 160 persoas reuníronse, tralos actos relixiosos, nunha comida popular nos arredores da capela
Valga, 29 de setembro de 2018.
O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, asistiu esta mañá na capela dos Martores ao acto de entronización dunha imaxe de Nosa Señora de Luján ofrecida polos irmáns María e José Manuel Castelao, nados nesta aldea da parroquia de San Miguel e emigrados a Bos Aires no ano 1955. Entre as autoridades tamén se atopaba a directora de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, Blanca García Señoráns.
O acto na capela de San Mamede, construída entre os séculos IV e V, contou coa participación do deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez López, e foi oficiado polo cesueño Elisardo Temperán Villaverde, canónigo da Catedral compostelana e con ascendentes nos Martores. Acompañounos tamén o párroco de San Miguel de Valga, Arturo Lores. A misa foi cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.
A Virxe de Luján, que celebra a súa festividade o día 8 de maio, é a patroa da Arxentina. O ofrecemento dos irmáns Castelao é “un acto de gratitude polo amparo que moitos galegos”, entre eles numerosos valgueses, “atoparon na terra arxentina”.
Tralo acto tivo lugar nos arredores da capela unha comida na que participaron unhas 160 persoas, entre autoridades, veciños dos Martores e das aldeas próximas de Vilares, Laceiras, Raxoi ou Requián.