Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Treixadura presenta este domingo o seu novo disco “Inda canto” coas entradas esgotadas

- A partir do día 2 poderá verse a exposición “Adeval. Pintando entre amigos”, en memoria do artista Pepe Potel

auditorio2

Valga, 27 de setembro de 2018.

O Auditorio Municipal retoma a súa axenda de actividades logo dos meses de verán e faino cunha proposta para o mes de outubro que inclúe iniciativas culturais, deportivas e outras dirixidas ao público infantil. A programación arranca este domingo cun dos pratos fortes da nova temporada: o concerto do grupo Treixadura, un dos referentes da música tradicional galega, que presentará en Valga o seu novo disco “Inda Canto”. Será ás 19 horas e as entradas están esgotadas.

O mércores, 3 de outubro, será o turno do teato, da man da compañía Redrum e o espectáculo “Contos do recreo”, ao que asistirá alumnado dos centros educativos valgueses. É unha obra baseada no “Conto de Nadal” de Charles Dickens e que trata de visibilizar a problemática do acoso escolar.

O 6 de outubro, sábado, o Auditorio abrirá paso ao deporte coa disputa da IV Copa de Galicia de Fisicoculturismo e Fitness, organizada pola Federación Galega. O campionato contará con sete categorías diferentes (Noveis, Principiantes, Classic, Mens Physique, Woman Physique, Mens Short e Bikini-Body Fitness) e as entradas para o público terán un prezo de 10 euros. Ademais, celebrarase na mesma xornada o Open “Memorial Evita de Labra”, en recordo da que foi presidenta da Federación Eva María de Labra, falecida en maio.

O domingo 7 a partir das 19 horas celebrarase o XIII Festival de Outono de Corais no que se darán cita catro agrupacións. Actuarán, con entrada gratuíta, a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro, anfitrioa e organizadora, a Coral Agustín González de Louro (Muros), a Polifónica de Soutomaior e a Coral Vilalbesa.

Os maiores serán protagonistas na xornada do 11 de outubro na cuarta edición do Encontro Intercentros das Tunas de Maiores, organizado polo Centro de Día de Valga e no que participarán tamén usuarios dos centros de Rois e Portas, que cantarán cancións tradicionais e coplas populares.

Cara mediados de mes a actividade do Auditorio centrarase na música. Primeiro cun concerto da Agrupación de Dulzainas e Percusión “La Socarrá”, de Xátiva (Valencia) o día 13 ás 21 horas, e uns días despois, o sábado 20 ás 21 horas, coas actuacións da Orquestra de Cámara e a Banda Municipal de Valga. Nos dous casos a entrada é de balde.

Na última semana de outubro festexarase o Samaín con diferentes propostas dirixidas ao público infantil e familiar. O vernres 26 pola tarde haberá unha sesión de “Contos para pásalo de medo” seguida dunha “Noite de terror na biblioteca”. Esta última actividade ten prazas limitadas polo que é preciso inscribirse con anterioridade no propio Auditorio. Ademais, o mércores 31 haberá unha festa de Samaín con chocolatada, á que os rapaces poden acudir coas súas cabazas decoradas.

A programación para o vindeiro mes complétase coa representación teatral “Mar adiante”, a cargo da compañía Odaiko Krea e baseada na obra homónima de María Victoria Moreno que relata a historia dunha mestra que crea unha escola nun barco chamado “Arroás”. Será o sábado 27 ás 19:30 horas con entrada de balde.

No apartado de exposicións, na primeira planta do Auditorio atópase ata o día 14 “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”, unha mostra que reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936 dende unha perspectiva de xénero. E entre o 2 e o 31 de outubro poderá verse na sala de exposicións a mostra “Adeval. Pintando entre amigos”, en memoria de Pepe Potel, socio fundador da asociación Adeval e creador da escola de pintura.

outubro 2018

Volver