- A mostra, que recolle as historias de 172 mulleres da provincia de Pontevedra, pode verse no Auditorio Municipal ata o 14 de outubro
- Alumnado de Bacharelato do IES de Valga asistiu ao acto inaugural e a unha conferencia a cargo da comisaria Montse Fajardo
Valga, 26 de setembro de 2018.
As concelleiras de Igualdade e Educación, Begoña Piñeiro e Carmen Gómez, participaron esta mañá na inauguración da exposición “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”, unha mostra organizada pola Deputación e comisariada por Montse Fajardo que recompila as biografías de 172 mulleres da provincia, 90 das cales aparecen nalgunha das 80 imaxes que recollen os paneis. O acto inaugural contou tamén coa presenza do deputado provincial Xosé Leal e estivo seguido dunha conferencia á que asistiron un grupo de 21 alumnos de 2º de Bacharelato do IES de Valga.
“Rexas, mulleres baixo o terror franquista” reivindica a memoria das vítimas do alzamento de 1936 dende unha perspectiva de xénero. A concelleira Begoña Piñeiro explicou ao alumnado presente que “as mulleres sufriron nas súas carnes situacións que ogallá vós non teñades que vivir nunca”. Algunhas foron asesinadas, encarceladas, agredidas sexualmente ou forzadas ao exilio. Outras viron as súas vidas truncadas polo golpe, “foron castigadas non pola súa ideoloxía ou militancia, senón por estar emparentadas con homes perseguidos e usáronse para iso técnicas especialmente sexistas como a rapa do pelo, a inxestión obrigada de aceite de rícino para que defecasen en público ou a tatuaxe da pel”, engade a comisaria Montse Fajardo.
Aínda que ningunha das historias que recolle a mostra se refire a mulleres de Valga, sí aparecen nos paneis sete represaliadas da comarca do Ulla-Umia. A máis próxima, Carmen Verdeal, de Pontecesures. Quedou embarazada do fillo da dona da casa na que traballaba e, cando el marchou á guerra, dérono por morto na Batalla do Ebro. Carmen trasladouse a Vigo, onde fixo de todo para sacar adiante ela soa á súa filla. O pai da nena finalmente regresou, pero cando soubo ao que se adicara Carmen, deixouna e alistouse na División Azul. Ela meteu a nena interna en Tui e emigrou a Venezuela.
A exposición pode verse na primeira planta do Auditorio Municipal ata o vindeiro 14 de outubro.