- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeu unha subvención de case 34.500 euros
- O centro de lectura pasará a ter 150 metros cadrados, o que permitirá ampliar os fondos bibliográficos e dar servizo a máis usuarios
Valga, 18 de setembro de 2018.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e un representante da empresa adxudicataria Sólida Soluciones Integrales S.L. asinaron esta mañá o contrato para o subministro do equipamento para a nova biblioteca municipal de Valga, que se emprazará no edificio de usos administrativos que o Concello está a rehabilitar na praza Manuel Vicente Cousiño.
O prazo de execución do contrato é de quince días e o equipamento a subministrar inclúe 65 módulos de estanterías, seis mesas en forma de “U” e 16 sillas apilables. Ademais, a empresa ofertou como melloras a dotación de dous ordenadores, un proxector con soporte, dúas impresoras multifunción, dous monitores e un rack de telecomunicacións co correspondente cableado.
A nova biblioteca contará cunha superficie de máis de 150 metros cadrados, o que permitirá aumentar os fondos bibliográficos e recibir a un maior número de usuarios. Este equipamento finánciase cunha subvención de 34.491,90 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O edificio administrativo, unha antiga escola en proceso de rehabilitación, xa albergou anteriormente a biblioteca municipal. Debido ás obras que se están a executar, o centro de lectura tivo que ser trasladado de maneira provisional á Casa da Cultura de Valga, aínda que alí non dispón de espazo suficiente e, polo tanto, non pode desenvolver a súa actividade de maneira óptima.