Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O 24 de xuño, San Xoán, e o 16 de agosto, San Roque, serán festivos locais en 2019

- A Corporación tamén aprobou unha ordenanza para consolidar o uso do galego en Valga

plenodic2017

Valga, 18 de setembro de 2018.

O Pleno de Valga aprobou onte, cos votos favorables do equipo de goberno, un proxecto para a prevención dos incendios forestais mediante o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa. O Concello xa está adherido ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O proxecto aprobado onte ten por obxecto identificar as parcelas nas que é obrigatoria a limpeza de masa forestal e a retirada de especies arbóreas. Ao redor do solo urbano, núcleos rurais, solo urbanizable, edificacións ou vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo e parques ou instalación industrias establécese unha faixa de xestión de biomasa de 0-15 metros na que o estrato arbustivo ten que estar desbrozado e na que non poderá haber arborado (excepto especies froiteiras). Nunha segunda franxa dos 15 aos 50 metros o mato ten que estar tamén desbrozado e non poderá haber piñeiros, eucaliptos nin acacias, podendo existir frondosas sempre e cando estean aclaradas e podadas. Por último, establécese unha faixa de 6 metros a ambos lados das estradas e camiños de titularidade municipal.

O alcalde, José María Bello Maneiro, explicou durante a sesión ordinaria que “este equipo de gobernó non comparte que se aproben leis e se descargue sempre a responsabilidade da súa execución nos concellos, xa que non temos medios técnicos nin humanos suficientes. Pero, aínda que non estemos de acordó, a lei hai que cumprila”. Engadiu que, no caso de que o Concello se vexa obrigado a limpar parcelas de titularidade privada farao sempre con cargo ao propietario.

A Corporación tamén aprobou, neste caso por unanimidade, a nova ordenanza municipal para o impulso da lingua galega en Valga, en virtude da cal o Concello empregará o galego en todas as súas acción, actuacións administrativas, documentación, na comunicación social e na relación cos cidadáns, con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.

Tráfase de normativizar unha circunstancia que xa é habitual no Concello de Valga, que en 1991 introduciu e priorizou o uso do galego como idioma da administración e dende 1993 emprega exclusivamente o galego en todas as tarefas administrativas. “Cando moi poucos concellos de Galicia o facían, Valga xa empregaba o galego como lingua administrativa”, lembou o alcalde.

No Pleno adoptáronse, ademais, os seguintes acordos:

  • Aprobación da cesión dunha colcha e un mantón ao Museo da Historia por parte de Sara Barreiro Morono
  • Aprobación do expediente para cubrir a praza de tesoureiro
  • Aprobación dos festivos locais para o ano 2019, que serán dous venres: o 24 de xuño (San Xoán, festa en Vilar) e o 16 de agosto (San Roque, festa en Baño)

José María Bello Maneiro lamentou trala sesión “a actitude amosada unha vez máis polos concelleiros da oposición, con continuas descalificacións e faltas, o que obrigou a intervir a tres concelleiras do grupo de goberno para esixir respecto polo seu traballo e pola súa condición de representantes dos veciños”.

Volver