- A proba, organizada pola Escudería Charli Romeo coa colaboración do Concello, é puntuable para o Campionato Galego de Slálom
- O prazo de inscrición mantense aberto ata as 20 horas do día 10 de outubro
Valga, 17 de setembro 2018.
Un circuíto habilitado nos arredores das instalacións deportivas de Campaña acolle o vindeiro 14 de outubro a décimo terceira edición do Slálom “Memorial Xosé Ramón Santos”. A proba, de carácter nacional e puntuable para o Campionato Galego de Slálom, é organizada pola Escudería Charli Romeo coa colaboración do Concello.
A competición, que recorda ao piloto e concelleiro de Valga Xosé Ramón Santos, falecido en 2005, admite vehículos da agrupación I (ata 1.150 c.c., tracción dianteira), agrupación II (desde 1.151 a 1.600 c.c., tracción dianteira), agrupación III (a partir de 1.601 c.c., tracción dianteira), agrupación IV (tódalas cilindradas, tracción traseira), agrupación V (tódalas cilindradas, tracción total) e agrupación VI (vehículos do grupo P). Poden participar toda clase de vehículos de turismo, con carrozaría pechada ou teito duro, dun mínimo de dúas prazas e que estean homologados, proveñan de series de fabricación e en posesión da ITV e seguro obrigatorio. Está permitido o uso de pneumáticos de competición (slicks ou similares), quedando prohibida a utilización dos denominados de tacos, contacto, cravos e cadeas, así como rodas de tipo M, M+S, M4, M5 e C.
Admitiranse inscricións ata as 20 horas do 10 de outubro. As solicitudes poden cubrirse premendo no enlace https://goo.gl/forms/fR89O6k7UNVywGUZ2. O día 11 de outubro publicarase a lista de inscritos. A organización contratará unha póliza de seguros nas condicións marcadas pola Federación Galega de Automobilismo que garanta unha cobertura mínima segundo a regulamentación vixente.
O slálom disputarase nun circuíto de asfalto plan radial nacional, emprazado nas inmediacións das instalacións deportivas de Campaña, entre o recinto que acolle o Belén Artesanal e a Rúa Nova. A partir das 9 horas do día da proba realizaranse as verificacións administrativas e técnicas e, a continuación, darase a coñecer a lista de vehículos autorizados a tomar a saída. Ás 15 horas está previsto que comecen os adestramentos previos ás dúas mangas oficiais. Repartiranse 930 euros en premios entre os seis primeiros clasificados e tamén haberá trofeos para os tres primeiros de cada agrupación.
Regulamento particular do XIII Slálom "Memorial Xosé Ramón Santos"