- Todas inclúen una sesión gratuíta de proba e os prezos oscilan entre os 15 e os 30 euros
- O servizo de ximnasio, a xestión do pavillón e das pistas deportivas de Beiro foron adxudicados recentemente a Antonio González
Valga, 14 de setembro de 2018.
O ximnasio municipal pon en marcha as actividades de ioga, pilates, zumba e ximnasia de mantemento e ofrece unha sesión de proba gratuíta aos usuarios que queiran incorporarse ás sesións.
A ximnasia de mantemento, recomendada para maiores de 55 anos, impártese dous días á semana (luns e mércores) de 18 a 19 horas e o prezo é de 15 euros ao mes. Esta actividade axuda a mellorar a flexibilidade e mobilidade, a forza, coordinación e equilibro.
O ioga, que contribúe á relaxación e ao benestar emocional, mellora a tonificación e aumenta a resistencia muscular e a flexibilidade, impártese os venres de 20:30 a 21:30 por 15 euros mensuais.
No que respecta ao pilates, as sesións desenvólvense os luns e mércores en tres grupos moi reducidos para un mellor control nos exercicios. Esta actividade, dirixida a persoas a partir de 16 anos, contribúe ao fortalecemento abdominal e dorsal, á reeducación e corrección de malos hábitos, e mellora a mobilidade da columna vertebral. O prezo é de 30 euros ao mes.
Por último ofértase a actividade de zumba para todas as idades (a partir de 12 anos). Esta combinación de baile e exercicio axuda a queimar calorías e tonifica o corpo. Comeza a impartirse o día 18 e durante o mes de setembro será gratuíta como proba. A partir de outubro o prezo será de 20 euros ao mes (10 euros para abonados) e as sesións están fixadas para os martes e xoves de 21 a 22 horas.
Para inscribirse en calquera destas actividades pódese chamar ao número de teléfono 619 922 911.
A xestión do ximnasio municipal, xunto co pavillón municipal de Beiro e as pistas deportivas do Muíño de Vento foi recentemente adxudicada a Antonio González Pérez por un período de 15 anos prorrogables ata 20.
O horario do ximnasio é de 9 a 12:30 e de 18 a 23 horas de luns a venres e conta cun método propio cun panel de máis de 200 exercicios distintos e 20 programas de adestramento diferentes para queimar calorías, aumentar a masa muscular, aumento da forza, prevención de lexións, preparación de probas físicas ou mellora do rendemento deportivo, entre outros. Todos os bonos inclúen un programa de exercicios gratuíto.
O pavillón municipal de Beiro e as pistas deportivas do Muíño de Vento están dispoñibles para os usuarios no mesmo horario que o ximnasio. As pistas alúganse por un prezo de 3 euros a hora e o pavillón por 12 euros a hora para actividades non lucrativas e 20 euros a hora para actividades lucrativas. As persoas interesadas en alugar estas instalacións municipais teñen que chamar ao número de teléfono 619 922 911.