- Os veciños de Valga teñen preferencia e teñen de prazo ata o día 24 para recoller as súas entradas
- Se aínda quedan butacas libres, poñeranse a disposición do resto do público a partir do día 25
Valga, 13 de setembro de 2018.
Xa se poden retirar entradas para o concerto que o grupo Treixadura ofrecerá no Auditorio Municipal o vindeiro 30 de setembro ás 19 horas. O espectáculo é gratuíto pero é preciso retirar previamente as entradas nas oficinas municipais para un mellor control do aforo e ante a expectación que o concerto está a espertar entre a veciñanza.
Os veciños de Valga teñen preferencia para asistir ao concerto. Xa poden acudir ás oficinas do Concello a solicitalas en horario de 9 da mañá a 2 do mediodía. O prazo remata o vindeiro 24 de setembro. Se daquela aínda quedan entradas, poñeranse a disposición do resto do público entre os días 25 e 28 de setembro e ata completar o aforo do Auditorio, que é de 630 butacas.
Treixadura presentará en Valga o seu novo disco “Inda canto”, publicado na pasada primavera e que supón unha nova aposta do grupo por reinventarse.
Composto por doce cancións, “Inda canto” responde á necesidade de Treixadura de seguir cantando e tocando. Segundo os integrantes do grupo, “a música tradicional é necesidade para unha tribo, para un pobo, para unha sociedade. Necesitamos eses referentes do imaxinario colectivo, esas cancións e letras que coñecemos todas e todos e que cantamos en ocasións especiais ou sen máis, cando nos xuntamos”.
Treixadura ofrece dende 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.
É un dos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Cunha traxectoria musical de vinte e oito anos, é un grupo recoñecido pola súa recuperación do patrimonio cultural galego e cun reto definido: achegar a música tradicional a un maior público, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición.