Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O concerto terá lugar o día 3 a partir das 20:30 horas con entrada de balde para o público

- A formación, co valgués Manu Conde, presentará o seu último disco, “Atlántico”

FOTO MILLADOIRO 2016

Valga, 12 de setembro de 2018.

O grupo folk por antonomasia de Galicia e embaixador da cultura galega por todo o mundo, Milladoiro, actuará o vindeiro 3 de novembro no Auditorio Municipal, un concerto con entrada de balde para todo o público e que se enmarca no programa provincial Musigal.

A formación, composta por Nando Casal, Xosé Ferreirós, Moncho García, Harry C., Manu Riveiro e o valgués Manu Conde, presentará o seu último traballo discográfico, “Atlántico”, que se publicou no mes de maio. É o seu primeiro álbum de estudo en dez anos, no que se pode escoitar ao Milladoiro de sempre pero, ao mesmo tempo, a un Milladoiro en renovación permanente. “Neste disco xogou un papel fundamental a parte xoven do grupo: Harry C., Manuel Riveiro e, sobre todo, Manu Conde porque o álbum non sóconta con temas compostos por el, senón que ademais foi o produtor. O resto do grupo estámoslle moi agradecidos e moi satisfeitos co resultado final”, comenta Nando Casal.

Neste sentido, engade que “aínda que Milladoiro ten moi claro o seu norte musical non quixemos desaproveitar o enorme talento de Manu Conde e tamén Manu Riveiro como compositores. A súa aportación é aire fresco e savia nova para Milladoiro”. O resultado é un traballo, “Atlántico”, con “música feita por músicos que viven no século XXI pero sen perder as raíces, temas universais que gustan tanto no Xapón como en Galicia, pero que aos galegos lle tocan a fibra porque os remite á nosa música de sempre”. Ese é o estilo de Milladoiro que tanto éxito ten entre o público.

O grupo galego con maior prestixio a nivel internacional e pioneiro na recuperación da música folk cumpre en outubro 40 anos de traxectoria. Está inmerso nunha xira que os levou por toda Galicia e tamén por prácticamente toda España e que está a ter “mellor resultado do que esperabamos”. Actuaron en Valladolid, Segovia e Toledo, entre outras provincias, e teñen pendentes León, Barcelona, Bilbao ou Madrid. “E entre estas cidades, Valga. Estamos emocionados e cheos de ilusión por actuar no Auditorio de Cordeiro. Hai moitos anos que non tocamos en Valga e era unha asignatura que tiñamos pendente”, remarca Nando Casal. No concerto misturarán tanto temas do novo disco como outros clásicos de Milladoiro.

Cartel Milladoiro

Volver