- A actividade mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 26 de setembro
- Os participantes recompilarán xogos tradicionais e elaborarán os seus propios xoguetes
Valga, 11 de setembro de 2018.
O obradoiro de creación de xoguetes tradicionais, que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro Auditorio Municipal dentro do programa provincial “Tecendo Lazos”, ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 26 de setembro.
A actividade deberá contar cun mínimo de dez persoas participantes e un máximo de trinta, das cales o 40% terán que ser menores, xa que un dos seus obxectivos e favorecer o contacto interxeracional no ámbito do tempo libre e do lecer e fomentar a aprendizaxe e o intercambio de ideas e valores para fomentar os lazos afectivos entre persoas de distintas xeracións. As persoas interesadas en participar poden obter máis información na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) ou no Auditorio.
A actividade terá unha duración de 16 horas e impartirase os mércores de 16:30 a 18:30 a partir do día 10 e outubro e prolongarase ata o 28 de novembro. O obradoiro tratará de fomentar o traballo en equipo e a colaboración recompilando información sobre os xogos e xoguetes tradicionais para confeccionar, con posterioridade, os elementos de xogo. Trátase de fomentar, nas persoas maiores, o envellecemento activo que mellore a súa actividade física, cognitiva e social e, nas persoas máis novas, impulsar as habilidades sociais e a empatía cara o resto das xeracións.
O obradoiro incluirá, ademais, un módulo denominado “A historia do meu municipio”, a través do cal se recompilarán historias, lendas, contos ou fotografías de Valga para promover a transmisión de coñecementos e dar a coñecer as tradicións e novos relatos coas achegas do alumnado participante.
Poden inscribirse nesta actividade persoas a partir de 6 anos de idade. Terán preferencia aquelas que forman parte da mesma familia, se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións. Os nenos de menos de 12 anos deberán acudir sempre acompañados por unha persoa adulta, mentras que os mozos de entre 12 e 17 anos que queiran acudir sós terán que presentar o consentimento por escritos dos pais ou titores.